Convivencia contra odio

Convivencia contra odio
12 de Abril, 2023 - 12:20 h. | Publicada por Radio Fene

Recoñecemento póstumo para o sindicalista ferrolán Rafael Pillado. Pillado e o ex-presidente do Uruguai, Pepe Mújica, son os gañadores do Terceiro Recoñecemento Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos logo dunha votación na que participaron persoas e entidades da rede Acampa. O fotoxornalista Xosé Abad coordina este movemento que naceu en 2016 na Coruña coa vocación de sensibilizar á sociedade en materia de dereitos humanos. 

ESCOITA O PODCAST:

“Fai tres anos decidimos que había que ter un recoñecemento, a persoas que son referencia, que sexan un espello no que poder mirarse. As organizacións e as persoas inscritas na rede votan e as dúas persoas máis votadas este ano foron Pillado e Mújica. Creo que ambos son dous referentes na coherencia e defensa dos dereitos humanos”, informou Xosé Abad a Radio Fene. A entrega dos recoñecementos será no mes de xuño durante o sétimo Encontro Internacional Acampa pola Paz. Este evento, no que se falará de “Odio ou Convivencia” celebrarase entre o 16 e o 18 de xuño nos Xardíns de Méndez Núñez, cun intenso programa que incluirá exposicións, charlas e a presentación dun estudo  sobre odio realizado pola Universidade da Coruña. Porque frear o odio é unha das preocupacións da rede Acampa, que integran máis de 70 organizacións de todo o espectro social que traballan tanto a nivel local como internacional. “As opcións totalitarias están avanzando na opinión pública grazas a un discurso de odio dirixido a crear tensións, con ideas simples e mentireiras, alternativas máis ultras que rescindan os dereitos humanos”, advirte Xosé Abad.

Sociedade

Publica o teu comentario agora