Convivir co Nadal

Convivir co Nadal
09 de Decembro, 2024 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A proximidade do Nadal é unha alegría para moitas persoas, pero non para todas. Hai diferentes maneiras de afrontar estas festas. Hai quen xa leva preparando nelas desde o mes de novembro e outros quixeran saltalas no almanaque. A posibilidade de gozar do Nadal ten que ver coas nosas expectativas e coas nosas crenzas, moitas asentadas nalgúns casos desde a infancia e sen decatarnos, explicou en Radio Fene o psicólogo José Barcia Tuccelli.

ESCOITA O PODCAST:

“As nosas expectativas previas, igual que as nosas crenzas, condicionan a experiencia deses días”, destaca Barcia Tuccelli. O Nadal é tempo de excesos. Polas paparotas, o exceso de doces e alcol, polo tempo que pasamos sentados á mesa ou tirados nun sofá mentres tentamos facer a dixestión. Convén ser conscientes diso para gozar das festas con moderación. E tomar nota, tamén, do consello que nos deixou o psicólogo se nas comidas familiares ou de empresa xurde algún conflito entre os participantes. Se queremos evitar as discusións hai que ter en conta que “cada un temos a nosa percepción, aprendamos a respectar o punto de vista”. Cando se produce o conflito, se queremos resolvelo debemos “focalizar no comportamento, non nas persoas, basearnos máis nos intereses comúns”, destaca o especialista.



 

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora