Convocado o XXXV Certame Nacional Galego de Narracións Curtas “Modesto Rodríguez Figueiredo”

Convocado o XXXV Certame Nacional Galego de Narracións Curtas “Modesto Rodríguez Figueiredo”

06 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

A Fundación do Pedrón de Ouro en colaboración co Concello de Arzúa e coa Biblioteca Pública Municipal “Rosalía de Castro” organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de “Premio Modesto Rodríguez Figueiredo” coa finalidade de promover o cultivo da narrativa curta en lingua galega.

O certame foi presentado no Telecentro da localidade arzuá nunha rolda de prensa na que estiveron presentes entre outros, o Presidente da Fundación do Pedrón de Ouro, Manuel Caamaño; o escritor David Otero, o Concelleiro de Cultura de Arzúa, Xosé Luis García e a persoa encargada da Biblioteca Pública, Ramón Torreiro.

O Presidente da Fundación do Pedrón de Ouro explicou aos presentes que este certame, que xa conta con 35 anos de historia, ten un obxectivo fundamental que é “a promoción da narrativa en lingua galega e nel teñen participado ilustres escritores do noso país”. A media de participantes nas últimas edicións vén sendo de ao redor de 50 traballos, o que implica que xa exista un fondo considerable de narracións susceptibles de seren recollidas en libros; de feito, tal e como indicou Manuel Caamaño, “máis de 200 destes traballos están recollidos nunha ristra de libros publicados grazas a Isaac Díaz Pardo nas Edicións do Castro”.

Tamén quixo o Presidente da Fundación do Pedrón de Ouro agradecer ao Concello de Arzúa “a boa acollida que sempre lle dispensan a cantas actividades e eventos se promoven dende o Pedrón de Ouro”.

O escritor David Otero deu a coñecer as bases do certame (que se adxuntan) salientando que o prazo para a presentación dos orixinais remata o vindeiro día 15 de novembro. Con posterioridade, o día 19 de decembro reunirase o xurado para deliberar e xa o 26 de decembro na Capela da Madanela de Arzúa farase entrega dun premio de 1000 euros á obra gañadora. Aínda que o xurado está por definir, David Otero xa adiantou que del formarán parte o Presidente e Secretario do Pedrón de Ouro, xunto cun representante do Pen Clube e outro da Asociación de Escritores en Lingua Galega, tamén formará parte do xurado un representante institucional do Concello de Arzúa.

A presentación do Certame rematou coa intervención do Concelleiro de Cultura, Xosé Luis García, quen aproveitou a ocasión para agradecer “a confianza que a organización do Pedrón puxo en Arzúa”.

Sociedade