A Copa Davis en Santiago, austeridade selectiva, segundo o BNG

A Copa Davis en Santiago, austeridade selectiva, segundo o BNG

22 de Xullo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, realizou unha primeira valoración da candidatura de Santiago para albergar as semifinais da Copa Davis. Rubén Cela cualificou de “austeridade selectiva” a intención do Goberno do PP de acoller esta eliminatoria, cando hai “necesidades básicas no deporte mentres se pretenden investir neste evento da Copa Davis 800.000 euros máis os gastos de montaxe que poden duplicar esa cifra”.

“O que máis choca desta decisión é que se tome ao tempo que coñecemos que os Concellos de Bilbo e de Xixón, que multiplican por 5 e por 3, respectivamente, o orzamento do Concello de Santiago, e que levaban tempo traballando neste tema, decidisen finalmente, moi ao seu pesar, non presentar a súa candidatura en base a un acto de responsabilidade institucional”, explicou o concelleiro.

 

Bilbo descartou presentar candidatura para acoller esta semifinal da Copa Davis “por responsabilidade institucional e polo elevado custe desta eliminatoria”, segundo palabras textuais do concelleiro de Deportes desa cidade, quen afirmou que "hai organizacións deportivas que tocan o ceo e estes son tempos de ir a ras de chan".

 

Así, o portavoz municipal nacionalista destacou que “só o canon que hai que pagar supón 800.000 euros, ao que hai que engadir os custos da grada para 16.000 persoas e o resto de gastos de montaxe e intendencia que poden chegar a dobrar esta cifra, a expensas do que se recupere pola venda de entradas”.

 

O Concello de Xixón cifraba a cantidade que precisarían investir para desenvolver esta actividade nun mínimo de 2 millóns de euros e renunciou, a pesar de que xa tiña 600.000 euros comprometidos en patrocinadores, tanto por motivos económicos e pola premura de tempo.

 

“Santiago pode ser un escenario ideal para grandes acontecementos deportivos e o BNG non negará a repercusión mediática que pode ter un evento deste tipo, pero primeiro hai que cubrir as necesidades básicas dos pequenos clubes, dos clubes profesionais e das instalacións deportivas da nosa cidade”, sinalou Rubén Cela.

 

O portavoz municipal engadiu, ademais, que “as súas primeiras declaracións do concelleiro de Deportes, Adrián Varela, eran para apostar polo deporte base, mais a realidade é outra ben distinta; á vez que se anuncia a intención de acoller a semifinal da Copa Davis, pode barallar a posibilidade de reducir ou de suprimir as achegas á Fundación Compostela Deporte, aos clubes deportivos e ao deporte base da cidade”.

Deportes