Corazón roto

Corazón roto
07 de Agosto, 2024 - 02:29 h. | Publicada por Radio Fene

Concentración contra a violencia machista. Diante da Casa do Concello de Fene, cargos públicos, persoal municipal e cidadáns protagonizaron esta mañá unha concentración de repulsa polo último asasinato dunha muller. Mercedes Ríos, de 74 anos, foi esganada polo seu home, de 76, na vivenda que compartían, no barrio coruñés de Labañou. A concelleira de Benestar e Igualdade, Sandra Permui, foi a encargada de dar lectura á declaración coa que o Concello de Fene condena este novo crime machista.

ESCOITA O PODCAST:

“Estamos aquí co corazón roto e a furia da impotencia”, recoñeceu a concelleira. “Se a sociedade e os homes non asumen que as mulleres somos persoas de pleno dereito estas concentracións non van rematar”, avisou. “Por Mercedes e por todas as mulleres que perderon a vida a mans das súas parellas, voltamos a berrar todo o alto e claro que podemos, nin unha máis, temos dereito a nosa vida e a nosa liberdade e ambas a ser vividas dignamente”, concluíu a concelleira. Mercedes Ríos é a segunda vítima da violencia machista no que vai de ano en Galicia. 

 

Institucional

Publica o teu comentario agora