ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Radio Fene cumpre corenta anos de vida. Festexouno cun programa especial que esta mañá se prolongou entre as dez e as doce da mañá desde o salón de sesións da Casa do Concello de Fene. A festa terá continuidade esta tarde cunha tertulia que se poderá escoitar a través da radio entre as sete e as oito da tarde. Vivíronse momentos emotivos coas lembranzas, pero tamén instantes de esperanza. O audio, e o podcast teñen un futuro esplendoroso.
40 anos de comunicación local. Programa especial de Radio Fene esta mañá entre as dez e as doce. O actual alcalde de Fene Juventino Trigo lembrou o papel de Radio Fene cando o ciclón Hortensia en outubro de 1984. Puido comprobarse a utilidade dun medio de proximidade. Fixo ver a todo o mundo que era necesario contar cunha radio local. Moita xente participou facilitando información sobre os problemas que había en cada parroquia.
O concelleiro de Cultura que puxo en marcha Radio Fene, César Martinez Yañez trouxo unha carta de Xosé María Lema, mestre e activista a favor do galego. Ofrecía en 1984 ideas para a programación de Radio Fene. Púxose en marcha coa colaboración de moita xente facendo fronte a ameazas de peche e á necesidade de innovar.
A profesora e colaboradora de Radio Fene Anxos Garcia Fonte destacou a cercania das radios locais e a capacidade de conectar co movemento asociativo e coas novas dinámicas. É unha estupenda ferramenta educativa. As pequenas historias, a memoria oral, e a vida particular axudan a comprender a sociedade. A rapazada tolea cando os convidas á radio, afirmou Anxos Garcia Fonte.
Xosé María Rivera Arnoso (alcalde entre 1979 e 2007) lembrou o carácter innovador de Radio Fene. Foi a primeira emisora municipal que funcionou con estabilidade en Galicia. Non había un marco legal que concretar a posibilidade de contar con radios públicas locais. Se o gobernador civil a pechaba, o primeiro rexedor afirmou que a volvería abrir de xeito inmediato. Houbo varias comunicacións con ameazas pero afortunadamente o gobernador non se atreveu a pechala, segundo lembrou Rivera Arnoso. Tamén participaron no programa o presidente da Asociación Veciñal de Magalofes Manuel Pico, Daniel Romero, Eugenia Sanmartín, Laura Bouza, e os colaboradoes da radio David Fernández Piñeiro e Luis Iñiguez. Os ex-alcaldes de Fene Ivan Puentes e Gumersindo Galego tamén interviron no espazo, ao igual que a directora do colexio Centieiras Andrea Fernández. Encargouse da locución Elvira Álvarez, contando coa produción de Ana Santiago e a dirección técnica de Xabier Fernández e Lorena Teijeiro.
Segundo se puxo de manifesto no programa, "a rede, Internet… non matou a estrela da radio. O medio, tamén a radio local, segue en plena forma, ainda que agora se escoite cada vez máis a traves do podcast, desde calquera sitio e a calquera hora, en dispositivos variados e non necesariamente en directo. O mundo pódcast é un universo de creatividade e diversidade que conecta coa poboación máis nova. Radio Fene súmase tamén ao mundo das novas tecnoloxias, con palabras verdadeiras, recoñecibeis, comunicación de quilómetro cero, de proximidade. Corenta anos despois, queremos escribir Follas novas no libro da comunicación local".
Na imaxe, Xosé María Rivera Arnoso no programa de Radio Fene esta mañá.
Fotografía Xan Xe
Publica o teu comentario agora