Cortada a autopista entre Santiago e A Coruña

Cortada a autopista entre Santiago e A Coruña

03 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

As placas de xelo obrigaron a cortar esta mañá a AP 9 entre Santiago e A Coruña á altura de Ordes. En dirección á cidade herculina, os automóbiles turismos foron desviados pola N-550, pero en dirección Santiago a via rápida permanece cortada, con longas colas de vehículos.

Por provincias, na Coruña, ademais dos problemas  da AP.9, a circulación é difícil en Santa Comba (AC-546, AC-441), A Abelenda (AC-2904), Ordes (N-550), Abelar (AC-840), Acibeiral (AG-64), Aldea de Abaixo (AC-564, AC-542), Zas (AC-404), Mazaricos (AC-400), Sigüeiro (AC-250) Cancela (AC-230) Curtis e Oza dos Rios, con nivel de alerta amarela.

Na provincia de Lugo, a máis afectada polas nevadas de onte, presenta circulación moi complicada en zonas de alta montaña como A Fonsagrada (LU-701), Pedrafita (LU-633) e O Cadavo (LU-530). A circulación tamén está condicionada e recoméndase precaución en Guitiriz, Chantada, Ourol e Abadín.

En Pontevedra a esta hora, a circulación rexistra nivel amarelo de alerta por tránsito irregular na Estrada e Forcarei.

En Ourense, a circulación non é tan complicada como onte, rexistrándose nivels de alerta verde (transito condicionado) en Boborás e zonas próximas á capital. O frío é intenso e o transporte escolar só puido funcionar parcialmente.

Espérase que conforme pasen as horas se restitúa a normalidade e se poida circular sen maior problema polas vías máis importantes. Se se vai a saír á estrada, recoméndase consultar antes a información facilitada pola DXT.

 

Accidentes.

 

O 112 indicou que se rexistrou unha colisión en cadea cuns 15 vehículos implicados na autoestrada en Bergondo (A Coruña); así como en Ordes, onde varios condutores quedaron retidos; e en Santiago, na saída dirección ao Aeroporto de Lavacolla.

Tamén na ligazón da AP-9 coa autovía de Noia houbo accidentes leves nas primeiras horas e problemas pola presenza de xeo. As retencións e as colas foron habituais no Milladoiro (Ames) e na avenida Alfonso Molina, na entrada da Coruña.

Sociedade