A Coruña e Lugo abren con auga a xornada das eleccións

A Coruña e Lugo abren con auga a xornada das eleccións

01 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

As 4141 mesas electorais constituíronse e abriron sen problemas a primeiras horas desta mañá, segundo informa a delegación do Goberno en Galicia. O delegado Manuel Ameijeiras deu conta tamén dun accidente de tráfico no que se veu implicado un axente da Garda Civil que participa no operativo especial das eleccións. Tivo que ser excarcerado na curva das Angustias nas proximidades de Betanzos (A Coruña). Resultou ferido leve.

A Xunta Electoral Central de Galicia ten previsto reunirse ás 12 desta mañá para analisar o recurso presentado polo PSOE e o BNG contra a decisión da Xunta Electoral do Carballiño que delega nos presidentes das mesas a posibilidade de validar papeletas cos nomes riscados. 

 

 

As rúas amenceron esta mañá molladas en boa parte das provincias da Coruña e Lugo. Xa que logo, cumpríronse os pronósticos que falaban dun cambio de tempo no dia de eleccións autonómicas. O pronóstico para esta xornada anuncia a chegada dunha frente pouco activa. Aparecerán choivas, febles, dispersas e intermitentes. Os ceos permanecerán anubrados durante toda a xornada.

Os colexios abriron as portas ás 9 da mañá e os máis de 2.600.000 galegos e galegas poden depositar o seu voto ata as 8 da tarde. Elíxense aos 75 integrantes do Parlamento de Galicia.

Sociedade