A Coruña encabeza o numero de parellas de feito rexistradas

A Coruña encabeza o numero de parellas de feito rexistradas

26 de Xaneiro, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Cinco anos despois da entrada en funcionamento do Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, xa son 8.345 as parellas inscritas neste ente adscrito á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. A inscrición das parellas é totalmente gratuíta, voluntaria e ten carácter constitutivo.

Segundo os datos ofrecidos polas delegacións territoriais da Consellería de Presidencia, desde que este servizo comezou a funcionar, en xaneiro de 2008, o maior número de inscritos deuse na provincia da Coruña, con 3.353 parellas rexistradas, seguida de Pontevedra (2.879), Ourense (1.212) e Lugo (901).

Estes últimos datos obtéñense unha vez pechado o pasado exercicio 2012, no que se inscribiron 2.035 parellas novas en toda Galicia. Destas, 833 foron na Coruña, 229 en Lugo, 331 en Ourense e 642 en Pontevedra.

O decreto polo que se crea e regula o Rexistro considera parellas de feito “as unións de dúas persoas maiores de idade, capaces e que convivan coa vocación de permanencia nunha relación de afectividade análoga á conxugal e que a inscriban no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, expresando a súa vontade de equiparar os seus afectos aos do matrimonio”, tal e como se establece na Lei de Dereito Civil de Galicia.

Desta maneira, a constitución da parella de feito só se entenderá efectuada a partir da súa inscrición no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia e os rexistros municipais deben comunicarlle as inscricións, as cancelacións e as modificacións, previo consentimento dos integrantes da parella.

Polo tanto, o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia ten un funcionamento descentralizado que se xestiona a través das delegacións territoriais da Consellería de Presidencia para configurarse, xuridicamente, como un rexistro único. Ademais, a Dirección Xeral de Xustiza ten as funcións de coordinación, información e aprobación das directrices comúns sobre o procedemento de inscrición e xestión do mesmo.

Sociedade