Cospeito gaña un asalto na loita contra a minaría do cuarzo

Cospeito gaña un asalto na loita contra a minaría do cuarzo

22 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Comisión contra as minas na Terra Chá celebra a sentenza que impedirá á mineira Erimsa ter permiso municipal para a súa actividade e agarda que os recursos contra Castro de Rei e A Pastoriza teñan desenlaces semellantes. O xulgado do contencioso-administrativo nº 2 de Lugo vén de ditar sentenza desestimatoria en relación á demanda promovida pola empresa mineira Erimsa contra o Concello de Cospeito

A firma posúe tres concesións mineiras para extracción de cuarzo que afectan a preto de 6.000 hectáreas nos concellos de Cospeito, Castro de Rei, A Pastoriza, Vilalba, Abadín e Riotorto. A finais de 2008, solicitou as licenzas urbanística e de actividade en Cospeito, Castro de Rei e A Pastoriza. Os concellos non contestaron e Erimsa entendeu concedidas as licenzas por silencio administrativo. Ao abeiro da Lei de Ordenación Urbanística, os concellos negaron esa interpretación, polo que a mineira contratacou demandándoos. 
Agora a Xustiza dálle a razón a Cospeito e a Comisión da Chaira agarda desenlaces semellantes nos outros litixios. O colectivo opositor coida que as explotacións mineiras estanse a desenvolver sen ter en consideración os intereses agrogandeiros na comarca.  
Sociedade