Costas e Augas de Galicia teñen que actuar no tramo final do Cádavo

Costas e Augas de Galicia deben actuar no tramo final do Cádavo
17 de Novembro, 2023 - 10:33 h. | Publicada por Radio Fene

“Non é un capricho, hai un problema real que cada vez é menos excepcional”, manifestou en Radio Fene o alcalde, Juventino Trigo. “O Concello está poñendo todos os medios que pode, volvemos recompilar toda a información para mandarlles outro informe a Augas de Galicia e a Costas  como o fixemos o ano pasado a raíz das inundacións do Nadal”. O concello de Fene remitiu hai xa tempo a Augas de Galicia e á Demarcación de Costas un proxecto para mellorar o entorno do río Cadavo no seu tramo final. A Xunta de Galicia non respondeu nin da información sobre o desenvolvemento do Plan Especial de Xestión de Riadas e Inundacións, segundo afirma a concelleira Sandra Permui..

ESCOITA O PODCAST:

O Concello de Fene continua esta mañá coas tarefas de limpeza e avaliación de danos nas áreas afectadas polas inundacións que tiveron lugar na tarde do luns, con especial incidencia no treito urbano e nomeadamente no entorno da Rúa Río Cádavo, onde afectou a diversas vivendas e garaxes de edificios.

No último mes, no que se sucederon episodios de fortes choivas e alertas meteorolóxicas, o Concello de Fene mantivo reténs preventivos practicamente todos os días para facer fronte ás pequenas incidencias que se foron producindo polas inclemencias do tempo. Así foi tamén o luns, cando preto das 20h o Río Cádavo desbordou en varios puntos desde Sillobre até Perlío, coas consecuencias que xa se coñecen.

Persoal municipal da área de Obras e Servizos, xunto con Protección Civil e Policía Local traballaron conxuntamente durante a tarde do luns e a madrugada do martes para reducir o impacto das inundacións nas rúas, vehículos, vivendas e garaxes. Entre outras accións, colocáronse sacos de areas nas zonas de maior impacto, colaborouse na localización e retirada de vehículos estacionados e dispuxéronse bombas de achique para retirar a auga de vivendas e garaxes afectados.

Labores de limpeza e avaliación de danos

Tras as primeiras actuacións de emerxencia, e despois de ter baixado o nivel da auga no río, martes, mércores e ao longo desta xornada os traballos céntranse nas labores de limpeza e nunha primeira avaliación de danos.

Procedeuse á retirada de restos de lama acumulada polas riadas, así como tamén a realizar un posterior baldeo para que as rúas poidan recuperar a normalidade coa maior celeridade.

Así mesmo, efectivos municipais acompañados pola Concelleira de Seguridade e Servizos, Sandra Permuy, realizaron unha primeira avaliación dos danos producidos en toda a área. Froito da mesma, detectáronse problemas no firme en varios puntos, así como tamén nunha escollera nas proximidades da zona na que o Río Cádavo inicia o seu trazado canalizado.

“Tras a inspección ocular observamos que os danos son cuantiosos, e agora procederá facer unha valoración técnica e económica para resolvelos canto antes”, sinalou a concelleira Sandra Permuy. Engadiu Permuy que “sería bo coñecer tamén se vai haber algún tipo de axuda ou achega económica por parte da Xunta como Administración responsábel da xestión hidrolóxica”, e lamentou que “até o de agora ninguén da Administración autonómica se puxo en contacto co Concello de Fene para coñecer o alcance do acontecido”.

O Concello de Fene ten promovido nos últimos anos a redacción de varios proxectos para a mellora da situación, que á súa vez puxo a disposición da Demarcación de Costas do Estado -responsábel do treito final do río tras o cruce da Avenida Marqués de Figueroa- e de Augas de Galicia, organismo con competencias no trazo anterior, onde se veñen producindo as últimas inundacións.

Denuncian desde o goberno local que Augas de Galicia “continúa sen dar información sobre o estado de desenvolvemento do PEGRI (Plan Especial de Xestión de Riadas e Inundacións)”, un documento “fundamental para desenvolver un plan de actuacións fronte as inundacións para os próximos seis anos”.  

Institucional

Publica o teu comentario agora