Costuras contra machismo

Costuras contra machismo
23 de Novembro, 2022 - 11:57 h. | Publicada por Radio Fene

Un escaparate de Fene para dar visibilidade á loita contra a violencia machista. Iniciativa da mercería Costuras, situada na rúa da Fraga, que se suma así á celebración do 25N, Día internacional contra a violencia sobre as mulleres. María Permui, xerente do establecemento, explicou en Radio Fene o proxecto que ten en marcha, no que conta coa necesaria complicidade da súa clientela.

ESCOITA O PODCAST:

“Poñer o meu grao de area”. Ese é o propósito de María Permui, unha muller comprometida coa igualdade. “A loita contra o machismo e a violencia sobre as mulleres é cousa de toda a sociedade.Todas as persoas temos responsabilidade e, se cada un de nós pon o seu grao de area as cousas cambiarán”, opina. “Isto non é so cousa das mulleres”, di esta nai de dúas nenas, preocupada polo retroceso que se observa en materia de igualdade.  ”Hai que falar do tema e traballar en todos os ámbitos, na casa, nos centros educativos, no mundo do deporte…”, defende a promotora da iniciativa da mercería Costuras.  O uso da cor morada é o único requisito que se pide ás persoas que colaboren. Debe ser a cor predominante nas pezas confeccionadas por quen queira participar. As prendas quedarán expostas no escaparate deste negocio de Fene desde mañá ata o sábado día 3 de decembro. Ata esta tarde pódense as entregar pezas para participar na iniciativa que está a ter moi boa acollida, segundo informou María Permui. Agora o reto será compoñer o escaparate con xogos de cama, colgantes, bonecos, bufandas, zapatillas, calcetíns e algunha sorpresa.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora