Couveflor, a verza universitaria

Couveflor, a verza universitaria
02 de Maio, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

A coliflor ou couveflor, como lle chama Méndez Ferrín, é unha verdura dentro das verzas flor, con floracións brancas, grandes e compactas, moi consumida en Galicia onde é tradicional cocida co bacallau na cea de Nadal.

En Europa coménzase a cultivar a couveflor nos conventos xa polo século XVI precedida de teóricas propiedades curativas sobre as doenzas do reuma, polo seu contido en xofre que nutre a cartilaxe. Precisamente o culpable do olor que invade a cocina cando a cocemos pero que é fácil de corrixir metendo na pota un anaco de pan mollado en leite, ou introducindo dous grans de comiño. Cita Fausto Galdo a Mark Twain a propósito desta verza, cando dixo que “ A couveflor é unha verza que pasou pola Universidade”.

Na nosa cocina hai receitas que aconsellan poñela fervida en branco, con chourizo ou con anacos de xamón en tacos pequenos, con ovos cocidos partidos pola metade con aceite e vinagre, con maionesa ou salsa de tomate. Pódese servir con bonito ou sardiñas en lata; tamén acompañando peixe en allada ou á galega. Tamén está rica férvida e mesturada con salsa bechamel, cuberta de queixo relado e gratinada ao forno (como a da imaxe). As nais facían moito os fritos de coliflor. Outro xeito é a “flor da raíña”, cocida, con tiras de pementos e carne picada, fritida e con salsa de tomate.

Receita de tortilla de couveflor:

Cocer a couveflor de maneira que quede branda pero non demasiado. Escorrese da auga e tritúrase cun garfo. Ter uns ovos batidos preparados. Poñer a tixola cunha pinga de aceite, cebola moi picadiña. Cando estea dourada, verter na tixola a couveflor e os ovos batidos. Remexer, deixar callar e virala, como se fora unha tortilla de patacas. E xa temos un prato rotundo.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora