A Covid19 e os deportistas de elite

A situación sanitaria afecta ao estado de ánimo dos deportistas profesionais
21 de Outubro, 2020 - 10:55 h. | Publicada por Radio Fene

José Barcia fala no espazo Vilanova sobre o cancro e sobre como repercute a actual situación sanitaria nos deportistas profesionais.

ESCOITA O PODCAST:

Os deportistas de elite diante da Covid19

Unha Universidade dos EEUU deu a coñecer os resultados dun estudo sobre o impacto da pandemia entre os deportistas profesionais individuais. Desde o punto de vista da psicoloxía, o estudo reflicte que se multiplicou por seis o cambio no estado de ánimo entre estes deportistas de elite. Boa parte deles víronse afectados por trastornos relacionados coa ansiedade, pola incerteza de que será deles no futuro. Afirma Barcia que as súas expectativas en competicións deportivas, que se foron cancelando ou adiando, están no aire. Por exemplo os xogos olímpicos que foron aprazados. “Para eles un par de anos nas súas carreiras deportivas supoñen moitísimo tempo”. Engade que a nivel físico, a ansiedade e o estrés afecta ás súas defensas, repercute no risco de padecer lesións e tamén na recuperación. O “baixón” afecta indubidablemente ao seu rendemento. Ten de positivo esta situación que os deportistas de elite non pararon de adestrar, esforzáronse para manterse o mellor posible para cando se normalice a situación. “Esa é unha boa maneira de afrontar os problemas, de saír adiante. É un bo exemplo para todos nós” sentencia Barcia.

Falar abertamente do cancro

“Cambiou a maneira na que a sociedade se enfronta ao cancro de mama. Cambios positivos que axudan a que a doenza deixe de ser un tabú”, declara o psicólogo José Barcia diante da conmemoración do Día do cancro de mama, o luns desta semana. Desde o punto de vista do paciente, é positivo que dean a cara, que as persoas enfermas expoñan a súa experiencia. Tamén é positivo que os medios de comunicación falen con certa naturalidade do cancro porque amósase á sociedade unha realidade que antes permanecía oculta. Si ben é certo, afirma Barcia, que “algunhas manifestacións son matizables”. É positiva tamén a información que se ofrece sobre alimentación, exercicio, e en xeral todos os avances médicos e científicos que rodean a enfermidade.

(Na imaxe, Laura Cruz e Rosa Graña, compoñentes da agrupación de exercicio físico contra o cancro de mama, Por +vida).

Sociedade

Publica o teu comentario agora