Creatividade e expresión artística

Creatividade e expresión artística
13 de Maio, 2022 - 09:27 h. | Publicada por Radio Fene

O vindeiro martes, 17 de maio, conmemórase o Día das Letras Galegas, adicado este ano ao poeta Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, 1903 – Fair Oaks, California, 1987). Para conmemorar esta data, a biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé anuncia unha sesión de contacontos titulada “Florencio Delgado Gurriarán. De Valdeorras a México”, a cargo do grupo Polo correo do vento. A actividade terá lugar o xoves 19 de maio, ás 18.00 horas, na biblioteca onde xa se pode reservar praza para asistir á función (presencialmente ou por teléfono, chamando ao 981 34 23 02 en horario de tarde ou o sábado pola mañá). 

Barallobre e Fene

A Liga de Amigos de Barallobre abre esta tarde o seu programas das Letras Galegas. As catro da tarde cunha visita á "Horta de Pepe" e ás oito da tarde cun acto no seu local social arredor de Delgado Gurriarán. O Circulo de Fene tamén ás oito desta tarde acolle ao grupo de teatro A Tenencia coa obra Retratos Vellos, dirixida por Eugenia Sanmartín. O libro gañador do Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé Alimentar canarios con ovos da casa de Anxo Mena presentaráse mañá sábado ás oito da tarde. 

Polo Correo do Vento

Polo Correo do Vento é un colectivo especializado en actividades pensadas para o público máis novo co fin de promover a lectura, a comprensión oral en galego e o desenvolvemento da creatividade e expresión artística das nenas e nenos. Baixo estas premisas, o grupo leva xa feito un longo percorrido, en multitude de centros de ensino, bibliotecas, museos, feiras, librarías e centros socioculturais, dende a aparición dos 7 libros da colección do mesmo nome, publicada por Edicións Xerais de Galicia, a partir do ano 2008. 

Cada actividade dos Contos Ilustrados de Polo Correo do Vento divídese en tres bloques. Primeiramente, Enrique Mauricio argalla unha historia de xeito oral, namentres Carlos Taboada debuxa un mural in situ, vencellado ao conto. Despois, espállanse no seu contido a través dunha rolda de prensa coa axuda dos dous. Para rematar, entre todas e todos, debuxan unha personaxe do conto, guiados por Carlos Taboada, pasiño a pasiño, e o máis importante: sen medo ningún! A maiores, o grupo conta con Robertiño, o Músico do Quinto Pemento! que, “como lles pasa aos artistas do son, uns pican e outros non! Robertinho, por suposto, é dos que fai fermentar os nosos corazóns!” 

Florencio Delgado Gurriarán 

Nado en Córgomo o 27 de agosto de 1903 e finado en Fair Oaks (California) o 14 de maio de 1987, foi un avogado e poeta galego. En México fundou a revista Vieiros, con Luís Soto e Carlos Velo, a Fundación do Padroado da Cultura Galega, a Irmandade Galeguista e o Ateneo de Galicia. A súa obra está recollida nos libros Bebedeira (1934), Galicia infinda (1963), Cantarenas. Poemas (1934-1980) (1981) e O soño do guieiro (1985). Encargouse da selección e tradución de poemas franceses incluídos en Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1949) e da tradución de Cemiterio mariño de Paul Valéry.

A Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas do ano 2022 tendo en conta catro aspectos fundamentais: a súa obra poética, catro libros con diferentes rexistros; a súa defensa e militancia a prol dos valores democráticos nun tempo adverso que el mantivo acesos mesmo nas angosturas do desterro; as terras de Valdeorras, coa súa cultura, tradicións, patrimonio histórico (material e inmaterial) e lingua; o entusiasmo, a colaboración, a demanda explícita que as institucións e as xentes dos concellos e as asociacións de Valdeorras lle transmitiron á Academia para que o ano 2022 fose o Ano Florencio Delgado.

Cultura

Publica o teu comentario agora