A crise da ameixa babosa

A crise da ameixa babosa
04 de Maio, 2021 - 11:07 h. | Publicada por Radio Fene

O oitenta por cento da ameixa que pasa pola confraría de Barallobre ven da zona de Sada, indicou en Radio Fene o biólogo Joam Luís Ferreiro “Cesio”. Nos catro primeiros meses do ano vendéronse no pósito 4.133 quilos de ameixa babosa, fronte aos 4.728 do mesmo período do ano anterior. O prezo do quilogramo rexistrou un lixeiro repunte con 19,4 euros este ano fronte aos 18,1 do pasado.

ESCOITA O PODCAST:
Ribeira de Barallobre

O ano pasado non houbo marisqueo no período do confinamento e ademais na actualidade o 80% do produto procede dos bancos marisqueiros de Sada, polo esgotamento dos bancos da ría.  Unha comisión con participación das confrarías e das institucións reunirase mañá mércores ás 10,30 da mañá na confraría de Barallobre para iniciar un estudo das causas da diminución do marisco. Coa colaboración da estación biolóxica mariña da Graña quérese abordar unha investigación científica dos parasitos do bivalvo, a influencia da contaminación e das variacións da temperatura na auga. As confrarías demandarán tamén a eliminación da escolleira das Pías, a súa transformación en ponte de banda a banda para permitir a libre circulación das augas e recuperar a vida en amplas zonas da ría..

Sociedade

Publica o teu comentario agora