ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
O Servizo de Asesoramento Xurídico do Concello de Fene retomou o seu pulso habitual neste inicio de setembro. Co gallo deste arranque do curso, o espazo de Servizos Sociais de Radio Fene contou coa participación da avogada Susana Martínez Galdós, quen ofreceu unha radiografía detallada dos problemas legais que máis preocupan á veciñanza na actualidade.

Un millón douscentos mil migrantes
O principal foco de traballo nos últimos meses estivo marcado polo proceso de regularización extraordinaria de persoas estranxeiras, que botou o peche o pasado 30 de xullo. Martínez Galdós apuntou á falta de persoal para tramitar un volume de solicitudes que desbordou todas as previsións: "Falábase inicialmente de 500.000 persoas e ao final foron 1.200.000 as que presentaron a documentación".
A avogada explicou que a maioría destas resolucións se están a emitir cun carácter provisional, o que xera incerteza. "Moita xente non sabe en que situación vai quedar dentro de dous ou tres meses se lles retiran o permiso de traballo, a pesar de estaren xa dados de alta e exercendo en sectores esenciais onde escasea a man de obra, como as reformas, a construción, o campo, a gandaría ou o coidado de maiores", apuntou. En canto ao perfil da poboación migrante en Fene, a letrada destacou a diversidade de nacionalidades (con forte presenza de persoas procedentes de Brasil, Centroamérica, Sudamérica e Paquistán) e sinalou unha curiosa diferenza nas dinámicas migratorias: mentres que no caso de Sudamérica adoitan viaxar primeiro as mulleres para logo traer á familia, no ámbito musulmán o habitual é que chegue primeiro o home para iniciar despois a reagrupación familiar.
Cambio de tendencia: A vivenda e a saúde mental centran as consultas
Máis aló da estranxeiría, Martínez Galdós confirmou que o perfil das demandas que chegan aos Servizos Sociais de Fene mudou notablemente nos últimos anos. Aínda que se mantén a atención prioritaria ás mulleres vítimas de violencia de xénero, hoxe en día existen dous problemas emerxentes que saturan a axenda:
A crise da vivenda e os desafiuzamentos:
Cun incremento notable de consultas semanais. A avogada aclarou que o servizo realiza un labor esencial de acompañamento e guía dende o primeiro minuto (tramitación do certificado de vulnerabilidade, solicitude de avogado de oficio e xestión de Axudas de Emerxencia Municipal ou autonómicas como o Bono Alugueiro). Con todo, advertiu da crua realidade: "Se unha persoa non paga a renda, tarde ou cedo, acabará sendo expulsada da vivenda".
A saúde mental nas familias: Un problema en auxe que afecta tanto a familias con persoas maiores que sofren demencias ou outras doenzas corporais e mentais, como a fogares con fillos mozos.Horario de atención ao público
O Servizo de Asesoramento Xurídico do Concello de Fene funciona como un órgano multidisciplinar de balde para a cidadanía. As persoas que precisen orientación legal ou acompañamento nestes trámites poden solicitar a súa cita para os martes en horario de mañá, día no que a avogada atende presencialmente nas dependencias municipais de Servizos Sociais en San Valentín.
Publica o teu comentario agora