Cunqueiro e Curros, gastrónomos

Cunqueiro e Curros, gastrónomos
05 de Maio, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

Traemos a estes dous escritores a este espazo gastronómico porque, igual que a Pardo Bazán e Rosalía, ambos tiveron sensibilidade e deron importancia literaria ás mantenzas.

Alvaro Cunqueiro (Mondoñedo 1911- Vigo 1982) foi un dos máis xeniais escritores galegos do século XX. A súa imaxinación levouno a crear universos gastronómicossorprendentes. Das súas obras puramente gastronómicas compre lembrar: “Teatro venatorio y coquinario gallego” de 1958; “ La cocina cristiana de occidente”,1969. “A cocina galega”, 1973. Na Gran Enciclopedia Galega, na entrada “gastronomía” o gastrónomo Mández Riestra defíneo así: “Cunqueiro non gustaba do dato exacto, movíase mal no aburrido imperio do rigor erudito; prefería partir das realidades históricas, e dende alí melloralas, cos seus aderezos prodixiosos, ata convertelas nos bocados máis exquisitos, suculentos e deliciosos aos que poida aspirar o afeccionado á literatura gastronómica”.

Manuel Curros Enríquez ( Celanova  1851 -La Habana 1908). O gran poeta ourensán inclúe na súa obra cumio “Aires da miña terra” os versos de ”Unha voda en Einibó”, de 1880. Unha ledicia gastronómico- literaria que di así:

“Xa é denoite; a branca lúa

alá do ceo nos confíns,

entre un enxame de estrellas

como améndoas de Allariz,

inda loce que parece

un pandeiro de marfín. (…)

Mais xa de Bras na cociña

roxe o rixón na sartén,

ferven a cachón os potes

e cheira a aurego e prixel.

Preparada no sobrado

unha mesa de oito pés,

con catro mantés cuberta

porque non chega un mantel,

fumegan enriba dela

tres barcales, todos tres

de chourizos cugulados,

lacón e vaca, a escoller.

Panochas por onde queira

de pan abeiro se ven,

bicas de centeo e millo

pra gusto de quen quixer; e nun curruncho, con netos

alá por corenta e seis,

toupa de chea unha cántara

de purrela coma o mel”.

 

(Na imaxe, documento gráfico na Casa Museo de Álvaro Cunqueiro en Mondoñedo).

Cultura

Publica o teu comentario agora