Custa pronunciar a palabra cancro

Custa pronunciar a palabra cancro
24 de Febreiro, 2021 - 11:43 h. | Publicada por Radio Fene

Custa pronunciar a palabra cancro porque a asociamos a cousas negativas. A xornalista Julia Otero confesou que lle custaba pronunciala en primeira persoa.

ESCOITA O PODCAST:
2018. Expedición de Por máis vida á carreira da muller da Coruña

A coñecida xornalista Julia Otero ven de comunicar, desde o seu programa de radio, que padece cancro e permanecerá unha temporada afastada dos micrófonos para recibir o tratamento oncolóxico. Cando o comunicou dixo que lle custaba aínda pronunciar a palabra “cancro” en primeira persoa. Concorda con ela o psicólogo José Barcia na dificultade para recoñecer que un mesmo padece cancro. "Significa que non falamos o suficiente desa doenza porque asociámola a connotacións negativas, provócanos malestar". Medo, tristura, perda, son algunhas delas. “Semella que se non nombramos a palabra cancro, este non existe, pero vai estar aí” afirma Barcia. O proceso da enfermidade pasa por diferentes etapas e a primeira delas é aceptar a situación. A segunda é quizás falar diso. “As persoas que padecen doenzas graves senten a necesidade de expresalo, de comunicarse”.

Volvendo a Julia Otero, explica Barcia que axuda moito que persoas famosas o digan porque son modelos sociais nos que nos reflexamos. Cando o confesan publicamente, anímannos a mostrarnos, a “copiar” o que esa persoa faga. E pon exemplos recentes como o de Luz Casal, Dani Robira, Pau Donés ou Michael Robinson. Preguntamos a Barcia como está a afectar a crise da Covid ás persoas que padecen patoloxías crónicas. Afirma que os afecta moi seriamente, tanto física como psicoloxicamente. “A inactividade física obrigada é fatal para estas persoas, provocando nelas un deterioro grande. A iso hai que sumar o medo asociado a ese proceso”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora