Dúas rodas son máis que suficiente

Dúas rodas son máis que suficiente
28 de Decembro, 2020 - 01:16 h. | Publicada por Radio Fene

Brais e Noa Pazo son dous nenos aos que o seu deporte favorito os fai un tanto especiais, pois non adoita a ser o máis común que con 12 e 8 anos respectivamente unha moto sexa o seu elemento natural.

ESCOITA O PODCAST:
Brais e Noa Pazo. Fotografía: Xanxe Corral

Estes irmáns parece que naceron co casco e coas proteccións postas e teñen moi claro que o seu son as carreiras. Quizais algo ten que ver que o seu pai, Alberto Pazo, xa fora afeccionado xa que, como el explica “dende moi pequenos viron as carreiras na casa. Era algo inevitable”.

Os dous irmáns saben que esta influencia dos grandes circuítos foi crucial para que Brais, e máis tarde Noa, se mergullaran no mundo do motor. El é campión galego e ela segue a seu irmán moi de cerca.

Brais, que ten 12 anos, xa ten un nome dentro do mundo do motociclismo despois dun envexable palmarés pero non so iso, é un neno de ideas moi claras. Sabe onde lle gusta correr, con que moto ou de que maneira. As carreiras en solitario non lle gustan.

Este campión quere ser un Marc Márquez. Un gañador. Aínda que el non ten dúbida algunha ao contestar a esta pregunta, Noa si. Aínda non hai categoría feminina nas súas competicións xa que son moi poucas nenas.

As primeiras rodadas dela foron ao carón do seu irmán. Como o seu pai conta “buscaba subir á moto como fose” cando vía ao seu irmán sobre dúas rodas.

A pesar do estrito que pode chegar a ser calquera deporte, ambos imáns teñen claro que é algo esencial no seu día a día. Mais as prioridades, que obviamente as seguen marcando os pais, son os estudios.

Ao falar do motociclismo hai que ter en conta os adestramentos. Estamos a falar de explanadas, nos casos máis técnicos, ou circuítos totalmente acondicionados para que a práctica deste deporte sexa segura.

Antes adestraban no circuíto de Gandarío pero este pechou fai uns meses, este é o único circuíto da provincia coruñesa. Agora a cousa está máis complicada porque terían que ir adestrar a Lugo ou Pontevedra se non tivesen a escola de pilotos Dsvk Narón.

Ademais, a isto hai que sumarlle a complexidade desta modalidade deportiva. Cantos pais deixarían que os seus nenos de 12 e 8 anos pilotasen motos? Pois só aqueles que primeiro se cercionan de que os equipos son os indicados, a moto está en perfecto estado e os adestramentos vanse notando á hora de pilotar. Aínda así, como explica a nai dos novos pilotos Rebeca Blanco, o medo é constante.

Dúas rodas son máis que suficientes. Os irmáns Pazo tivérono claro a unha idade moi temperá. Conseguiron facer da paixón do seu pai a súa e demóstrano en cada circuíto.

Deportes

Publica o teu comentario agora