De Fene á París de Noia

De Fene á París de Noia
02 de Novembro, 2022 - 02:12 h. | Publicada por Radio Fene

“Talento, pero sobre todo traballo”. É o que se precisa para triunfar no mundo do baile. A bailarina e coreógrafa de Fene Sara Seco Allegue dá un paso decisivo na súa carreira profesional ao ser seleccionada para sumarse ao cadro artístico da París de Noia, unha das grandes no mundo das orquestras de Galicia. 

 

ESCOITA O PODCAST:

Con vontade, constancia e disciplina. Así avanzou na súa carreira a bailarina Sara Seco Allegue. De nena practicaba aerobic no colexio da Xunqueira. Foi das primeiras alumnas da academia de baile Fusión Dance, xunto con Cristina Díaz, que leva tres anos na París de Noia onde tamén é bailarina e coreógrafa. “Gustábame e lembro esforzarme moito”, recorda dos primeiros anos de aprendizaxe na academia, “teño amigas desde aquela”.Na París de Noia está moi contenta e agradecida pola oportunidade. O dia 16 comezarán cos ensaios, cara final de mes empeza a xira e presentarán o novo proxecto en marzo do ano que vén. “Eu son da verbena, desde pequeniña sempre me gustou, ir a unha verbena gústame máis que ir á discoteca”. 

 

“Desde pequena quixen bailar”. Sempre tivo moi clara a súa preferencia polo baile. Agradece o apoio da súa familia, aínda que ao primeiro non estaban moi conformes “a miña estratexia para convencelos foi ir aprobando todo”. “Para min non é un traballo”, di do seu amor polo baile, “hai que dedicarlle moitas horas, non hai que deixar de prepararse, se queres bailar tes que dedicarlle tempo e diñeiro a formarte”.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora