"De fosa en fosa" (La 2, 22 h.)

"De fosa en fosa" (La 2, 22 h.)

02 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Os lugares exóticos non existen só nos recantos máis agochados de Asia o nalgún punto inexplorado do xigantesco continente americano. Exótico pode ser calquera lugar do que non saibamos nada e descubramos algo con sorpresa. Tan exóticos poden ser os Ancares como Kuala Lumpur, Teruel como Groenlandia ou mesmo eu, que son do máis normaliño do mundo, podería resultar un fenómeno doutro mundo se asomo a miña testa por un aldea

A fin de contas, que sabemos de Eslovaquia. Se eu fose finalista dun concurso de Míster e me preguntase o embaixador eslovaco o xa clásico “que sabes do meu país?”, coido que como aquela pobre rapaza que resumiu nunha frase a non breve historia de Rusia, acabaría dicindo o de “pois é un país de xente marabillosa” e pouco máis. Sabería dicir que formaba parte de Checoslovaquia, tiven que mirar na Wikipedia para lembrar que a capital é Bratislava, e pensaba que teñen gran tradición baloncestística ata que me din conta de que confundía Eslovaquia con Eslovenia. O que non diría nunca e que teñen cinematografía de seu, e resulta que si, e que mesmo a podemos ver esta noite en La 2.

“De fosa en fosa”, conta a programación que é unha película de orixe eslovaca rodada en 2005. Pedro, un home de 30 anos da Eslovaquia rural escribe e pronuncia discursos funerarios para os enterramentos da súa cidade. Vive coa súa familia, o seu pai que tenta suicidarse unha e outra vez, malia que sempre erra no seu propósito, e dúas irmás: Ida, xordomuda e solitaria, e Vilma, atarefada coidadora do seu fillo e do resto da familia. Din que é un bo filme, pero o que para min resulta de seguro é exótica e por iso xa paga a pena vela. “De fosa en fosa” pásana ás dez da noite en La 2.

Sociedade