ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Falar de que o mundo do “trad” galego está nun estado de saúde máis que vizoso non é unha tolemia, é unha realidade avalada por unha manchea de propostas nas que a calidade é a norma.

Reivindicación activa do noso, pero aposta pola anovación e mestura dos ritmos poden ser os segredos do éxito, iso si, nada disto podería ser posible se non fose polo traballo de quen veu antes, o universo tradicional que soporta as novas propostas.
Manter en perfecto estado de saúde a nosa música tradicional adobiándoa con ritmos irmáns é a coidada proposta musical que nos ofrece De Ninghures, os nosos convidados de hoxe en Sons de Nós.
De Ninghures son Manuel Fernández "Cataqui", Manuel Lucas, Tomé Mouriño, Adrián Méndez, Marta Álvarez, Aldara Palmeiro e Hadrián García. Sete músicas e músicos en conexión coa música tradicional, da que beben e coa que tecen ritmos mesturados de influencias de alén mar. Defensa da música de raíz e da creación contemporánea que pon en valor a tradición, esta podería dicirse que é a esencia do grupo.
Dende Bergantiños, Compostela, Carballo ou A Fonsagrada, os compoñentes de De Ninghures, que non De Ningures, fan unha permanente homenaxe a quen os precederon. A Tradición por bandeira e modernidade na intención en cancións cargadas de influencias africanas ou de alén mar. As propias, das que beberon escoitando a Berrogüeto ou Milladoiro presentes tamén na súa proposta.
“Saio do traballo, que estrés, marcho pra foliada... bailar, ven bailar, ven bailar”. Non se me ocorre mellor consello, mellor convite, nin mellor menciña. Estes sete magníficas que son De Ninghures visitaron Sons de Nós e só podemos dicir que esta conversa foi, parafraseando a Hadrián García, "campal".
Fotografía: XanXe
Publica o teu comentario agora