De onde sae tanta influencer

De onde sae tanta influencer
02 de Marzo, 2021 - 11:20 h. | Publicada por Radio Fene

O mundo da industria téxtil é moi poderoso. A figura da influencer está de moda e a industria da moda contribue a acabar co planeta.

ESCOITA O PODCAST:

O mundo da industria téxtil é moi poderoso. Move moitos millóns de euros e moitas conciencias. Para a xuventude a moda é un valor enorme. Senón de onde ían saír tantas “influencer”. Son reflexións que facemos con Margarita Rodríguez de 4ECO Narón esta semana. “A moda rápida é terrible. Cambiamos continuamente de prendas cada temporada sen reparar en que o 8% das emisións globais do efecto invernadoiro están directamente relacionadas coa industria da moda. En Asia, onde se fabrican as teas principalmente, utilizanse carbón e gas. Se a iso sumamos o transporte, a contaminación xerada é inasumible. “A industria téxtil consume 93.000 millóns de metros cúbicos de auga que serían as necesidades de consumo de 5 millóns de persoas” explica Rodríguez quen pon un exemplo moi sinxelo, para fabricar un pantalón vaqueiro utilízanse 9.800 litros de auga.

Que podemos facer para contrarrestar tanto poder?

Algo pode facerse. O primeiro, preguntarnos se realmente precisamos esa prenda que estamos a punto de mercar. E por outro lado, buscar alternativas máis sostibles como marcas que usan menos contaminantes. Se buscamos algodón, que sexa orgánico. Fixémonos no que mercamos, marcas que gastan menos auga e fibras menos contaminantes como o liño por exemplo. “Hai quen fai prendas aproveitando os plásticos do mar” suxire Margarita Rodríguez, e engade outras alternativas como a compra de roupa de segunda man, aínda que en España non ten un mercado tan asumido como noutros países europeos. Botar man dos artesáns que reciclan roupa usada ou das costureiras que reparan ou reconvirten roupa que xa non poñemos é outra escolla. “Se nos paramos a pensar, hai opcións”. Cando nos sobra roupa que non imos volver a usar, a mellor medida é quizás entregala a algunha asociación que lle dea un bo destino. Cos contedores de roupa non nos metemos hoxe porque sempre hai polémica sobre a onde vai parar.

 

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora