Debate en Redondela polos fondos anti-crise

Debate en Redondela polos fondos anti-crise

15 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Goberno e oposición enfróntanse polas actuacións con cargo ao Fondo Estatal de Inversión Local. O bipartito defende a importancia das obras previstas por valor de 5’1 millóns de euros e os populares critican que as empresas contratadas só vaian dar emprego a 84 parados.

O Partido Popular critica as obras que se van realizar en Redondela a cargo do Fondo Estatal de Inversión Local. Afirman que as actuacións elixidas polo goberno local non son “as máis adecuadas e necesarias neste momento” e critican que dos 237 operarios que van traballar nas obras só 84 sexan desempregados. A voceira  do PP local Francisca Canal recela ademais da brevidade dos contratos “que serán de tres, catro e seis meses, o que non vai a solucionar a problemática do paro en ningún municipio e menos aínda en Redondela”.

 

E mentres os populares denuncian que “non se trata de ningún plan anticrise como quere vender o goberno”, quen presume desta execución como “dunha magnífica inversión cando realmente non a é”, dende o goberno local o concelleiro de vías e obras Manuel Iglesias suliña que as empresas contratadas xa os seus propios operarios e que recorrerán ao INEM para ampliar o seu cadro de persoal. Entende que o feito de dar traballo a xente que se atopa en situación de desemprego “aínda que sexa por un período curto de tempo” vai ser un respiro para esas persoas

Insiste ademais en que todas as obras previstas, cun investimento que supera os 5’1 millóns de euros van ser importantes para todo o municipio e lembra como actuación máis importantes a humanización da zona de Vilavella que supón completar as “obras que hai dous anos se realizaron nas rúas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín e que agora se realizarán tamén en Jose Regojo e Pai Crespo.

Precisamente as obras de humanización son as máis criticadas dende o PP. Entenden que se esquecen de obras máis importantes como un novo pavillón, a depuradora ou unha maior atencións ás parroquias e optan pola “humanización de diferentes rúas que, como xa se demostrou, resultan prexudiciais para os comercios”.

Sociedade