Deixando pegada

Deixando pegada
28 de Setembro, 2026 - 08:53 h. | Publicada por Radio Fene

Cento cinco mulleres de Fene participaron na Carreira da Muller da Coruña. 88 delas pasaron a liña de meta, e por iso a asociación Por mais vida levou o primeiro premio como entidade máis numesoa. Tamén logrou o galardón pola participante de máis de 65 anos cono mellor tempo de chegada.O premio máis importante é participar como colectivo, salientan desde a entidade.

A asociación POR+VIDA de Fene volveu deixar pegada na Carreira da Muller da Coruña, celebrada este domingo 27 de setembro de 2026. Cunha delegación de 105 mulleres inscritas, o colectivo fenés sumouse a esta multitudinaria cita lúdico-deportiva que arrincou ás 10:00 horas, destacando polo seu gran espírito deportivo e o seu firme apoio á práctica da actividade física en comunidade.

Como xa vén sendo tradición, a entidade non regresou de baleiro e colleitou un importante palmarés nesta edición:

1º premio á asociación máis numerosa, tras lograr que un total de 88 mulleres cruzaran a liña de meta.
1º premio na categoría Veterana D (de 65 a 74 anos) co mellor tempo de chegada.
3º premio á asociación co mellor tempo global de chegada.
Este éxito mantén a excelente traxectoria histórica de POR+VIDA nesta proba. Dende o ano 2013 —data na que se estreou o circuíto en Galicia—, a asociación fenesa acudiu fielmente a todas as edicións, coas únicas excepcións do ano 2020 pola pandemia e do 2021 por prudencia sanitaria. Ao longo desta década, o colectivo acumulou catro mencións á participante máis lonxeva con mellor tempo e numerosos podios (con varios primeiros, segundos e terceiros postos) tanto en número de corredoras como en tempos de chegada.

Dende a directiva de POR+VIDA lembran que, máis alá dos trofeos, "o premio máis importante é participar en colectivo". Con esta iniciativa, a entidade cumpre unha das súas máximas fundamentais: concienciar sobre os beneficios da actividade física adaptada a cada persoa, mentres se fomenta a socialización e a diversión.

A asociación pechou a xornada cunha mensaxe de gratitude: "Moitas grazas a todas por participar coa nosa asociación! Vémonos o vindeiro ano!".

Sociedade

Publica o teu comentario agora