Deixará moito resolto

Deixará moito resolto
07 de Outubro, 2026 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

“Vese a luz ao final do túnel, é unha satisfacción”. Declaracións da alcaldesa de Fene, Sandra Permui sobre o desbloqueo dun importante proxecto que dotará de servizos a varios lugares da parroquia de Sillobre. O Concello de Fene ten en licitación as obras de mellora de servizos e pavimentos na Calzada, Arriba, O Revolto, Covelo e A Lagarteira. O investimento previsto achégase ao medio millón de euros. 

ESCOITA O PODCAST:

“Deixará moito resolto”. Saneamento, abastecemento de auga e pavimento son actuacións previstas no proxecto que vén de sacar a licitación o Concello de Fene avanzando nun proxecto que quedara atascado. “Levaba tempo parada, a empresa deu en quebra, e aproveitamos ese tempo para ampliala, nun proxecto tecnicamente complexo, para actuar de maneira integral e non facela por partes coas molestias que conleva calquera obra”, explicou a alcaldesa.

Era visto 

“Era esperado, estábamos nun límite moi complicado, coa carestía da vida, o combustible, a cesta da compra e a vivenda”, di a alcaldesa de Fene sobre o adianto das eleccións xerais. “No BNG temos as ideas claras, para nós é unha oportunidade de seguir reivindicándonos como pobo, defender temas como o tren, a autoestrada, traballo para Navantia…porque se non o facemos nós ninguén vai pelexar por nós”.

A batalla do transporte

“Non controla os seus contratos, a Xunta é a única responsable de que a xente quede tirada nunha parada de bus”, denuncia a alcaldesa de Fene que considera indignantes os continuos problemas no transporte por estrada que levan a algunhas persoas a organizarse en grupos para desprazarse ao traballo e a familias que levan semanas viaxando a Santiago para levar a e traer a unha filla universitaria. “Imos dar a batalla no tema do transporte”, anuncia Sandra Permui. 

Institucional

Publica o teu comentario agora