Demanda brutal de vivendas unifamiliares

Demanda brutal de vivendas unifamiliares
10 de Xuño, 2021 - 12:08 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene debaterá no pleno ordinario de xullo o estudo de detalle do Camiño do Regueiro entre San Valentín e O Puntal. Ao menos esa e a previsión coa que traballa o departamento de Urbanismo. A consultora urbanística Arqyur preparou a documentación que permitirá harmonizar as aliñacións no Regueiro. Había unha descompensación entre as aliñacións reais e as oficiais do Plan de Urbanismo. A vía conta na actualidade con firme aglomerado e unha anchura de 11 metros. 

ESCOITA O PODCAST:
Camiño do Regueiro. Fene

De xeito paralelo a esa actuación no Regueiro, o departamento de Urbanismo ultima a creación de cinco áreas de solo de núcleo rural: tres en Magalofes, unha en Sillobre e outra en Maniños. Dous núcleos de Magalofes son chan urbano desde 1975, pero nunca tiveron esta característica, nin por tipoloxía da vivenda, nin polo uso da terra. Os outros tres núcleos que se quere delimitar son Lubián en Sillobre, O Piñeiro en Maniños e O Feal en Magalofes. Estaban cualificados como solo rústico apto para urbanizar, pero na práctica non se podía construír, algo que si se poderá facer cando se culmine este proceso. O Concello de Fene baralla tamén ampliar esa medida a outras zonas de Barallobre, Maniños e Sillobre. Favorecese a construción de vivendas unifamiliares en áreas limítrofes coa zona urbana. Estes núcleos favorecen unha certa transición entre a zona urbana e o solo rústico. Son áreas que contan con vías asfaltadas, auga e saneamento. Fene presenta boas características para satisfacer as necesidades de construción de vivenda unifamiliar. Eses núcleos rurais, zona intermedia entre o urbano e o rústico, ofrecen servizos e unha boa habitabilidade. A demanda é brutal, a raíz da pandemia. A revisión parcial do actual planeamento urbanístico de cara a crear esas cinco novas zonas de núcleo rural en Magalofes, Sillobre e Maniños podería entrar en vigor en marzo do vindeiro ano 2022. Esa modificación pretende desbloquear a posibilidade de novas construcións unifamiliares neses puntos. Agora ademais o Concello de Fene quere iniciar tamén o proceso noutras áreas similares que poidan adquirir esa delimitación de núcleo rural. 

Institucional

Publica o teu comentario agora