Demandan o mantenemento das actividades deportivas da USC

Demandan o mantenemento das actividades deportivas da USC

09 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

A CIG e os traballadores da Fundación USC Deportiva veñen de convocar un paro parcial os días 11, 13 e 19 de maio e unha concentración diante do reitorado da Universidade de Santiago ás 11:30 horas deste mércores para reclamar da Universidade e da Fundación a creación dunha mesa de negociación para avaliar o plano de viabilidade que se está a deseñar e que, segundo as escasas informacións das que dispoñen, implic

Así o anunciou en rolda de prensa este mediodia, o secretario nacional de CIG-Servizos, Paulo Rubido, quen asegurou que, de crearse esta mesa de negociación antes do mércores, desconvocaríase a folga, advertindo de que, de non abrirse canles de diálogo, a convocatoria ampliaríase estendendo a folga durante máis horas e máis días.

 

A Fundación USC Deportiva encárgase de xestionar todas a actividades deportivas que a Universidade realiza. Actividades fundamentalmente orientadas á comunidade universitaria, pero nas que tamén participan veciños e veciñas, tanto de Compostela como da comarca.

 

Conta con aproximadamente 40 traballadores/as, unha parte con contrato indefinido e entre 18 e 20 con contratos, segundo explicou Rubido, en fraude de lei. Algúns dos traballadores xa desenvolvían a súa actividade como monitores deportivos no antigo club de atletismo da universidade, que se transformou en fundación, mudando a súa fórmula xurídica para xestionar mellor as actividades deportivas da universidade.

 

O secretario nacional de CIG-Servizos sinala que os traballadores do club pasaron subrogados á fundación e que cando esta tivo que contratar a novos monitores deportivos fíxoo por obra, vinculados á temporada, “cando o convenio colectivo que é de aplicación na Fundación, o de Instalacións Deportivas, estabelece que as contratacións dos monitores das campañas téñense que realizar a través de contratos fixos-discontinuos e se as actividades duran todo o ano tería que ser unha relación laboral indefinida”.

 

Plan de viabilidade

A fundación e a universidade, de quen é presidente o reitor da USC, están avaliando unha posíbel redución orzamentaria nesta fundación, que implicaría a desaparición de algunhas actividades deportivas e a finalización da relación laboral de 11 traballadores/as coincidindo co remate do curso académico.

 

Esta previsíbel redución orzamentaria xa provocou, segundo explicou Rubido, que a finais do ano pasado, en concreto no mes de decembro, se procedera á extinción de varios contratos argumentando, como xa acontecera en anteriores ocasións, “unha hipotética mala situación económica da fundación da que nós non temos constancia”.

 

Isto motivou que os traballadores iniciaran as primeiras mobilizacións -ás que non se lles deu transcendencia pública- coas que se conseguiu que os despedidos foran readmitidos e que se iniciara un proceso de diálogo coa Universidade e coa dirección da Fundación para intentar chegar a un acordo. “Desgraciadamente non foi posíbel” di Rubido, quen sinala que “tivemos que recorrer mesmo á inspección, dado á negativa tanto da fundación como do actual equipo reitoral para buscar unha solución a esta situación”.

 

O secretario nacional de CIG-Servizos afirma que a única xuntanza que se mantivo coa representación sindical tivo lugar na Inspección de Traballo, pero que a universidade non concretou nada. “Non podemos permitir que remate o curso escolar e que a USC pretenda aproveitar o parón do verán para despedir a un número importante dos traballadores para tratar de impedir que exista capacidade de resposta por parte dos traballadores/as”, sostén.

 

Porén, manifesta que se trata dun conflito que sería evitábel e que terán que ser, o reitor ou o vicerreitor de Cultura, quen expliquen “por que nos obrigan a tomar esta decisión (de convocar folga) cando o único que se lles está pedindo é que se constitúa unha mesa na que se fale de que situación económica en concreto estamos a falar, que actividades deportivas teñen viabilidade, cales a universidade pretende reducir e como se podería articular iso”.

 

A CIG ten coñecemento de que a Universidade manexa a posibilidade de convocar un proceso para converter 6 desas 20 prazas temporais en fixas-discontinuas, manténdose o resto en fraude de lei.

 

A este respecto Rubido advirte de que se a pretensión da Universidade é efectivamente extinguir a relación laboral dos outros traballadores/as, estes “teñen plena capacidade para reclamar por despedimento”.

 

En todo caso, o secretario nacional de CIG-Servizos chama a atención sobre o feito de que sendo a USC unha entidade pública, o equipo reitoral non teña unha mínima disposición á negociación. “Podemos entender os problemas de financiamento que ten a Universidade; que exista unha disposición a regular mellor as actividades deportivas do que na actualidade se están a facer; entendemos que se reorganice en función do seguimento da actividade ; que se realicen en determinadas horas... O que non entendemos é que se negue a posibilidade aos traballadores a negociar un plano de viabilidade, de saber como se vai efectivizar ese concurso que van sacar ou como afectará aos postos de traballo”.

Deportes