Demandan rapidez no concurso de Pescanova

Demandan rapidez no concurso de Pescanova

21 de Abril, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Os traballadores de Pescanova convocarán unha manifestación, para a que aínda non se concretou data, co fin de reclamar o mantemento dos postos de traballo no grupo, que consideran "viable", á vez que piden celeridade no proceso concursal para que se despexen as dúbidas sobre o seu futuro.

   Así o acordaron nunha asemblea celebrada este sábado en Vigo, á que acudiron uns 80 traballadores, e na que se puxo de manifesto o "malestar" do persoal pola "falta de transparencia" da dirección da empresa, que aínda non atendeu aos requirimentos dos comités para manter un encontro no que lles informen directamente da situación da compañía.

   O responsable de Alimentación de CC.OO., Francisco Vilar, explicou que urxe a aceptación da solicitude de concurso de acredores, e o nomeamento do tres administradores que tomarán as rendas da pesqueira. "É urxente para evitar efectos desastrosos", apuntou.

   No entanto, Vilar admitiu que, unha vez que se inicie ese proceso, "é moi probable" que haxa venda de activos e concentración de produción, polo que se teme unha "importante" perda de postos de traballo entre os 6.000 empregos que ten a multinacional en Galicia.

   CC.OO. contactará cos outros sindicatos con representación en Pescanova para convocar a manifestación de forma conxunta, e fixo un chamamento á participación cidadá nesa marcha.

Sociedade