Demandan solucións para o bus dos xubilados de Chapela

Demandan solucións para o bus dos xubilados de Chapela

23 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O PP esíxelle ao goberno local unha solución inmediata que garanta a gratuidade do servizo de Vitrasa aos xubilados de Chapela e doutras parroquias. Os populares acusan ao bipartito de permanecer inactivo no momento en que o goberno de Vigo tomou a decisión de deixar de financiar o servizo e reclaman do goberno local unha solución inmediata, “ben negociando con Vigo, coa concesionaria da liña ou ben incluindo este gasto nunha partida do seu presuposto”.

A edil Lorena López entende que dende Redondela débense defender os dereitos destes usuarios garantíndolles a gratuidade dun servizo, que levan empregando máis dunha década”. Os populares califican o acontecido como “unha burla, insulto e despropósito cara estes veciños”.

Pese a que dende o Concello de Redondela afirman que intentarán restablecer este servizo, o PP acúsao de non ter intervido antes, “quedándose de brazos cruzados e actuando sempre a remolque das consecuencias, debido á falla de planificación”; pois xa foi no mes de decembro cando o Concello de Vigo chegou a este acordo no pleno, poñéndoo en práctica ó comezar o ano. “O Concello de Redondela non debeu permanecer inactivo, posibilitando que se chegara á actual situación, senón que debeu de actuar de inmediato e non esperar a escoitar as queixas e reclamacións dos nosos maiores”, sinala López, “polo que lle esiximos que comecen de inmediato as negociacións, restablecendo de contado o servizo”, engade.

Os veciños afectados, que quedaron a partir de xaneiro sen a tarxeta verde que lles permitía viaxar de maneira gratuita, son os que empregan a liña C-3, que enlaza Vigo con Chapela así como os veciños de os barrios de A Lamosa en Trasmañó e Pregal en San Estevo de Negros.

Sociedade