A Deputación da Coruña leva a pleno novos investimentos en Ferrolterra

A Deputación da Coruña leva a pleno novos investimentos en Ferrolterra

29 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Deputación da Coruña aprobará investimentos na provincia por importe de 16 millóns de euros no curso da sesión plenaria que se celebrará o venres, a partir do mediodía. Unha parte dos investimentos están destinados a melloras na rede viaria provincial e a proxectos de infraestructuras básicas en concellos.

A mellora do trazado na estrada de Cobas a San Xurxo é unha das actuacións previstas dentro do Plan de Vías Provinciais que o venres aprobará a Deputación da Coruña. O investimento previsto nesta obra supera os 120 mil euros. Tamén se contempla, dentro do Plan de Travesías, a mellora na seguridade vial na estrada que vai de Xubia cara a praia da Frouxeira e un andén peonil no Concello de Narón. Ámbalas dúas actuacións orzamentadas en 233 mil euros.

Noutra orde de cousas, o pleno da Deputación da Coruña aprobará o venres o proxecto de ampliación e mellora do trazado na estrada que comunica Ares e Chanteiro, cun investimento previsto de 1 millón 800 mil euros. Ademais, estudiará a formalización dun convenio co concello de Mugardos para a execución das obras de abastecemento de auga en Alta, cunha aportación de 350 mil euros, o que representa un 18,99 por cento do presuposto total.

Por último, a Corporación provincial analizará un expedente de modificación de crédito por importe de dez millóns de euros. Neste capítulo contémplanse aportacións para o mantemento da sala de exposicións da EXPONAV, ademais de axudas para a Fundación Terra de Trasancos, Asociación Teima de Síndrome de Down, Diócese Mondoñedo- Ferrol, Artesanos del Eume e Concello de As Pontes.

Institucional