A Deputación de Lugo proponse crear 500 novos postos de traballo

A Deputación de Lugo proponse crear 500 novos postos de traballo

06 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, propuxo ós alcaldes e técnicos municipais da provincia un pacto para crear 540 empregos nas profesións consideradas “con máis futuro”. O proxecto conta cun orzamento de 4 millóns de euros, financiados pola Deputación nun 20% e o Fondo Social Europeo no 80% restante.

Na actualidade o proxecto atópase na fase de inscrición, un período que se estenderá ata o día 30 deste mes de setembro. Os 540 beneficiarios comezarán despois unha formación remunerada, que se completará con prácticas profesionais en empresas e titorías individualizadas. En concreto, a formación comprenderá 45 cursos dirixidos a desempregados de todos os concellos, excepto o de Lugo que, ó ter máis de 50.000 habitantes, conta co seu propio programa. En total suma máis de 15.000 horas de formación e 60.000 de prácticas en empresas. Ademais, os beneficiarios recibirán unha axuda económica tanto na formación como nas prácticas equivalente ó 75% do IPREM, é dicir, uns 400 euros mensuais.

Complementariamente, a Deputación lucense estreará a principios de outubro o primeiro portal de emprego provincial. Estará na web oficial da Deputación. Será semellante a portais internacionais de busca de emprego, como o famoso Infojobs, de tal xeito que a Administración actuará de intermediaria na provincia, poñendo en contacto ás empresas con traballadores cualificados.

Institucional