Deputación e Concello presentan un proxecto para a recuperación do Celeiriño, en Viveiro

Deputación e Concello presentan un proxecto para a recuperación do Celeiriño, en Viveiro

05 de Setembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, mailo  tenente de alcalde do concello de Viveiro, Bernardo Fraga, presentaron o proxecto de recuperación e mellora do entorno histórico do Celeiriño, para o que a Vicepresidencia Primeira da Deputación achega 120.000 euros.

O barrio do Celeiriño, viuse afectado por desprendementos, inundacións e derrubos despois de que a construcción de un gran edificio danara as vivendas mais antigas da zona. Na actualidade, atópase nun estado de conservación deplorable debido ás circunstancias de asentamento do terreo, o que propiciou o derrubamento dunha parte das vivendas existentes e a interrupción dalgúns elementos dos servizos urbanos. Deste xeito, a intervención cuxo proxecto se presentou na fin de semana maniféstase necesaria dende hai tempo, e constitúe a primeira actuación que se realiza no entorno, contribuíndo de xeito decisivo á súa recuperación.

Bernardo Fraga presentou aos medios e aos veciños e veciñas o proxecto, que foi elaborado polos servizos técnicos do concello, e explicou que “hoxe rendemos contas do que foi unha das propostas centrais do noso programa nas pasadas eleccións municipais, no que figuraba esta mellora como unhas das primeiras actuacións”. Continuou comentando que “o noso obxectivo non é a confrontación senón a achega de solucións, e isto ponse de manifesto coa obra que se vai realizar”. Pola súa banda, Antonio Veiga manifestou a súa satisfacción porque se vaia levar a cabo esta rehabilitación, e comentou que “non era de recibo que despois do tempo transcorrido dende os derrubamentos, o barrio do Celeiriño se atopara aínda así”. Explicou que “esta é a primeira actuación que se leva a cabo, pequena pero decisiva, e noso obxectivo é darlle continuidade a este proceso de rehabilitación e mellora dun dos barrios máis emblemáticos de Viveiro e mesmo da Mariña”.

A rúa que ven sendo obxecto das obras, a que comunica a rúa Atalaia coa rúa Grande, está actualmente dotada dos servizos de auga e rede de sumidoiros, pero estes quedáronse obsoletos debido ao crecemento urbanístico dos últimos 20 anos, e presenta ademais outros problemas relacionados cos colectores e pozos de saneamento. Por isto, levarase a cabo o aumento da sección de tubos que forman a rede de evacuación de augas residuais, dotarase á rúa de rede separativa de augas pluviais, aumentarase a sección da rede de abastecemento de auga potable, entre outras cousas. Como explicaron Bernardo Fraga e Antonio Veiga, comézase así dando o primeiro paso para mellorar tanto os servizos existentes como a imaxe urbana deste barrio histórico mariñeiro.

Sociedade