Desafío no IES de Fene

Desafío no IES de Fene
30 de Maio, 2023 - 05:50 h. | Publicada por Radio Fene

Mocidade con talento e profesorado que fomenta a súa curiosidade. Haino no IES de Fene. Os profesores Juan Carlos Romero e Angel Chao e tres alumnos do Ciclo medio de soldadura e caldeirería, Aitor Mosquera, Damián Vázquez e David García, explicaron en Radio Fene o seu proxecto para o X desafío Hiperbaric Challenge. Trátase dun programa educativo dirixido a estudantes de 3º e 4º da ESO, de Bacharelato e ciclos formativos de Formación Profesional que promoven empresas de Burgos. Para iso alumnos e profesores traballan moitas horas, dentro e fóra do horario escolar, “ás horas non lles botamos conta”. 

ESCOITA O PODCAST:

O equipo do IES de Fene é o único de Galicia que participa no Hiperbaric Challenge. Están a traballar durante todo o curso no deseño e construción dun vehículo de inercia, sen motor, o que coñecemos como carrilana. Competirán en Burgos na décima edición desta competición para centros escolares que fomenta a vocación científica e tecnolóxica dos estudantes. “Teñen que comportarse como unha empresa, desenvolver un proxecto que sexa autónomo, buscar patrocinadores, fan actividades para darlle publicidade e realizan diferentes actividades, por exemplo a plantación dunha árbore, para reducir a pegada de carbono, porque tamén se valoran aspectos referidos á responsabilidade social”, sinala Juan Carlos. “Os equipos poden ser dun máximo de dez e van dez, son todos alumnos do ciclo medio de soldadura, de 1º e 2º”, explica Angel.

O ano pasado gañaron o premio cun vehículo que “funcionaba ben”, apunta Aitor. “Foi unha experiencia moi bonita, pasámolo xenial”, engade Damián. “Estaba moi ben feita, o xurado alí é moi esixente, hai dúas persoas que veñen do mundo da competición, teñen que ter suspensión independente, dobre circuíto de freos, a dirección…calcularon previamente a xeometría tanto da suspensión como da dirección; agora xa imos con experiencia, a carrilana deste ano non ten nada que ver coa de 2019, aquela tiña ferro para facer un barco”, bromea Juan Carlos. Este curso, a carrilana “é parecida á do ano pasado, pero alixeirámola de peso, reforzamos o chasis e quitamos estruturas que non eran tan importantes, mide o mesmo 2,5 m de largo por 1,20 de ancho”, informa David. De momento  non se sabe de que cor a van pintar “o ano pasado levaba as cores do Concello, negro e verde”. Tamén está por decidir quen pilotará o vehículo, “para conducilo hai varios candidatos”, indica Juan Carlos.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora