Deseñar, construir e conducir

Deseñar,construir e conducir
15 de Decembro, 2020 - 12:01 h. | Publicada por Radio Fene

O IES de Fene volverá a participar no Hiperbaric Challenge que se celebra en Burgos no mes de xuño, cun prototipo deseñado e construído polo alumnado de Soldadura e Automoción. No 2019 alzáronse co segundo premio e agora van a por todas neste certame de veículos de inercia, as carrilanas de toda a vida.

ESCOITA O PODCAST:

“Deseñar e construír o coche ata chegar a gañar o premio” ese é o obxectivo que neste momento se trazan nos ciclos de Soldadura e Automoción do IES de Fene diante da súa participación nun novo Hiperbaric Challenge. Fabricarán un prototipo, un vehículo de inercia e competirán na carreira en Burgos, na segunda semana do mes de xuño. No ano 2019 acadaron o segundo premio. No 2020 suspendeuse a convocatoria a causa da crise sanitaria da Covid19. Agora retoman a competición con moita ilusión, sabendo que a organización contempla nesta edición dous escenarios, con e sen Covid19 e cun pre deseño no que xa traballaban o curso pasado. Falamos co responsable de comunicación do proxecto, o alumno Francisco José del Valle; o profesor Santiago Varela, responsable do deseño e construción e co profesor Juan Carlos Romero, responsable do proxecto educativo.

Aínda que as bases da organización contemplan a participación activa de equipos de dez alumnos, todos poden aportar ideas e a Burgos poderán viaxar todos os que queiran porque a experiencia é moi positiva. Afirma Santiago Varela que “no proxecto educativo participan outros profesores e profesoras, con distintas responsabilidades porque cada quen ten o seu rol”. Tras a experiencia anterior, saben que hai que mellorar algúns aspectos e entre eles destacan dous: rebaixar o peso do vehículo, mellorando a súa aerodinámica e mellorar a presentación do proxecto, aprendendo a falar en público. En relación co primeiro, fálannos de alixeirar o peso dos tubos, substituír a chapa por outra perforada e buscar un piloto máis delgado. O coche ten uns 200 kg e unha lonxitude de 2.200mm e ancho de 1.000 e está a 45 mm do chan. O condutor aínda non está definido e bromean con poñelo a réxime.

Outro obxectivo a salvar é o financiamento. “Este ano sabemos que a situación das empresas non está no seu mellor momento, afirma Juan Carlos Romero, A ver como responden”. Francisco José del Valle é o responsable de comunicación e a súa misión é lograr que este proxecto teña repercusión nos medios e nas redes sociais, así como buscar patrocinadores. Rexistrarase todo o proceso. “Para o alumnado é unha boa instrución, afirma, traballar para ver un resultado final”

Semana solidaria.

No IES Fene hai tempo para a aprendizaxe pero tamén para a solidariedade. Ao longo desta semana recóllense no centro de Barallobre alimentos e xoguetes para o Nadal, en colaboración cos Servizos Sociais municipais que se encargarán do reparto entre as familias receptoras. Un autobús de madeira permanece no instituto para acoller no seu interior as nosas colaboracións.

(Na imaxe, Francisco José del Valle e Santiago Varela)

Cultura

Publica o teu comentario agora