Destino para todos os gustos: Montaña, A Mariña e Ribeira Sacra

Destino para todos os gustos: Montaña, A Mariña e Ribeira Sacra

29 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O programa medioambiental Km0 da Deputación de Lugo inclúe para esta última semana do mes de marzo seis rutas polas comarcas de A Montaña, A Mariña e Ribeira Sacra. Deste xeito, un total de 302 veciños da provincia coñecerán dende este martes e ata o venres distintos lugares de interese de Navia de Suarna, Burela, O Saviñao, Cervantes, Ribadeo e Viveiro.

A Asociación de Xubilados de Taboada e a de Mulleres Rurais “Ledicia” de Navia son as entidades demandantes das dúas primeiras rutas que se desenvolven esta semana. O Deputado da Rede Viaria Provincial, Juan José Díaz Valiño, recibiu hoxe ós dous colectivos. Tras este acto, 48 persoas da agrupación taboadesa iniciaron unha viaxe que consistiu nunha visita ó Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD). Xa en Navia, comeron no restaurante “Xegunde”, deron un paseo pola beira do río vendo o Ponte Ojival e coñeceron as instalacións dunha fábrica de embutidos. Pola súa banda, 55 mulleres pertencentes á asociación “Ledicia” estiveron nun obradoiro de olería de Bonxe, comeron no restaurante “Palacio de Cristal” de Burela e, tamén na vila mariñana, visitaron a lonxa, o barco boniteiro Reina del Carmen e ó colectivo de redeiras, no propio porto. 

Para mañá mércores está prevista a ruta “Cabo do Mundo”, que farán 48 veciños do Concello de Guitiriz, e outra pola aldea de Piornedo, en Cervantes, que cubrirán 48 persoas do Club Náutico de Foz. No primeiro caso, os guitiricenses visitarán o Mazo de Santa Comba e, seguidamente, o Mirador Cabo do Mundo, a igrexa e a praia da Cova, Belesar e as dependencias da adega Vía Romana, en Chantada, na que gozarán dunha cata. A comida será no restaurante “Durán”, en Escairón. No caso dos focenses, tras coñecer a Insua de Seivane, comerán no hostal “Piornedo”, visitarán a palloza e farán un recorrido por esta aldea dos Ancares para finalmente achegarse á igrexa de Donís.     

O xoves haberá dúas saídas á Mariña. Unha a Ribadeo, demandada pola Asociación de Veciños de Tirimol, en Lugo, e outra a Viveiro, que solicitou o CEIP “Otero Pedrayo” de Rábade. A primeira viaxe farana 48 veciños e comezará cunha visita ó Centro de Interpretación do Río Rato. Continuará cunha comida no restaurante “Cofradía” de Rinlo e paseos por Illa Pancha, o forte de San Damián, O Cargadoiro e o casco histórico ribadense. Na segunda ruta participarán 55 rapaces, que coñecerán a olería de Bonxe. Seguidamente, comerán no restaurante “Val do Naseiro” de Viveiro e desprazaranse á igrexa de Santa María do Campo, verán os restos da muralla romana e medieval, darán un paseo pola praia de Covas e subirán ó monte San Roque. 

Sociedade