Desvélase a faciana literaria de Laxeiro

Desvélase a faciana literaria de Laxeiro

21 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O libro Os escritos de Don Ramiro descobre a faceta de escritor de José Otero Abeledo, quen pasou a historia como Laxeiro. Con esta publicación revísase, por primeira vez, a totalidade da produción escrita do artista, estruturada e ordenada segundo os diferentes xéneros cultivados. Inclúense 116 textos, dos que 83 son inéditos, asinados por Don Ramiro, o heterónimo utilizado por pintor para firmar a súa obra literaria.

Con este traballo descóbrese unha personalidade afastada do personaxe que Laxeiro gustaba de representar nas súas aparicións públicas, o dun iconoclasta irreflexivo, bromista, algo canalla e indocumentado. Os escritos recollidos tiran por terra esa imaxe estereotipada que non era outra cousa que outro dos personaxes creados por José Otero Abeledo, o artista que sempre xogou con alter egos como Palatino, Mirlotil, Laxeiro e, agora, Don Ramiro.

 

Laxeiro, os escritos de Don Ramiro inclúe escritos íntimos e poemas, narracións fabuladas, textos sobre arte, pregóns e retratos dos persoeiros culturais da época. Descartáronse deliberadamente os textos epistolares, porque formarán parte doutro proxecto de investigación no que, ademais das cartas asinadas polo pintor, se compilen tamén textos de remitentes e destinatarios do seu epistolario.

Cultura