Dez mil euros de premio

Dez mil euros de premio
20 de Decembro, 2022 - 08:34 h. | Publicada por Radiofusión

Xerais convoca unha nova edición do Premio Xerais de Novela, o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o Premio Merlín de Literatura Infantil. Coa publicación das bases, o prazo para a entrega de orixinais queda aberto ata o 24 de marzo de 2023. Ata entón, poderán enviarse as obras candidatas ao local social de Xerais (rúa Doutor Marañón, 12, 36211, Vigo). O Premio Xerais de Novela chega neste 2023 á súa cuadraxésima edición, cunha traxectoria que leva premiado a autoras e autores como Darío Xohán Cabana, Carlos González Reigosa, Marilar Aleixandre, Rosa Aneiros, Berta Dávila ou, neste mesmo ano, María Solar.

Fotografía Xan Xe

O Premio Jules Verne cumpre 15 edicións e esta será a trixésimo oitava convocatoria do Premio Merlín. Os xurados de cada categoría conformaranse tras a recepción das obras e os seus integrantes serán anunciados no mes de maio. Como é habitual, estará formado por lectoras e lectores que non se dediquen de forma profesional á literatura. No mes de xuño  celebraranse dúas xuntanzas para escoller as obras finalistas e as gañadoras dos tres premios. Xa no outono, terá lugar a Festa Xerais, na que se entregarán os Premios cos tres libros publicados. Cada un dos tres premios contempla a publicación das obras gañadoras nas coleccións de Narrativa, Fóra de Xogo e Merlín de Xerais. Ademais, terán unha dotación económica de 10.000 euros. Calquera autor ou autora pode participar no premio sempre que presente o seu orixinal en lingua galega conforme á normativa vixente. Os textos teñen que ser inéditos na súa totalidade. Ademais, as persoas que xa gañasen algunha das cinco edicións anteriores non poderán presentarse a esta.

 

Fotografía Xan Xe

Na imaxe, Rosa Aneiros, unha das escritoras premiadas co Xerais.

Cultura

Publica o teu comentario agora