Condenouse daquela aos exdirectivos de Novacaixagalicia José Luís Pego, Óscar Rodríguez Estrada e Gregorio Gorriarán polo cobro indebido de prexubilacións millonarias. O expresidente Julio Fernández Gayoso e o avogado Ricardo Pradas foron condenados a dous anos cada un como cooperadores necesarios.
A operación agora investigada foi realizada tanto por Caixanova como por Caixa Galicia. O FROB sospeita que puido ter provocado un dano patrimonial global de 600 millóns de euros. Está relacionada con créditos ou refinanciamentos vinculados ao ladrillo.
No caso da que comezará a desmenuzarse na Audiencia Nacional -a primeira dun total de sete operacións presuntamente delituosas- está relacionada coa venda duns terreos localizados no concello de Rivas-Vaciamadrid. Transcendeu que persoas relacionadas coa firma galega Copasa estaban involucradas na compra-venda duns terreos. Pero fontes da construtora quixeron subliñar que a compañía como tal non participou nunha operación, que ademais resultou errada; o proxecto inmobiliario non se chegou a desenvolver.
O inicio das investigacións crediticias nas caixas galegas comezou coa entrada do FROB na entidade resultado da fusión das dúas caixas: Novagalicia Banco. A presidencia ocupábaa José María Castellano. Impulsouse entón un proceso de análise pormenorizada de operacións vinculadas con créditos -principalmente inmobiliarios, aínda que hai algúns vinculados coa compra de empresas e operacións de investimento- nas que se podería detectar algún indicio delituoso. O proceso de investigación saldouse cunhas 30 operacións sospeitosas, das que o FROB levou sete ante a Fiscalía Anticorrupción. É probable que entre elas estean tamén a relacionada con Astroc -neste suposto tería o visto e prace de José Luís Méndez, que ocupaba a dirección xeral de Caixa Galicia-, e tamén algunha vinculada co Pocero, en Seseña, asinada por Proinova. Tamén é posible, segundo fontes xudiciais, que haxa outras dúas ou tres operacións das antigas caixas en proceso avanzado de investigación.
A firma dos créditos e dos refinanciamentos investigados levaronse a cabo entre os anos 2005 e 2008, en pleno bum do ladrillo. No 2012, o FROB comezou o proceso de análise na caixa galega (era o seu propietario), no 2014 fixo a denuncia ante a Fiscalía Anticorrupción e agora comeza o proceso nos xulgados da Audiencia Nacional.