Divídese a taxa do lixo

Divídese a taxa do lixo
27 de Marzo, 2026 - 12:08 h. | Publicada por Radio Fene

 O Concello de Fene acordou fraccionar o cobro da taxa do lixo en dous recibos, co obxectivo de facilitar o pagamento á veciñanza e facer máis asumible o impacto da recente actualización. Deste xeito, establécense dous períodos de pagamento voluntario: o primeiro entre o 1 de abril e o 15 de xuño, e o segundo entre o 1 de setembro e o 16 de novembro. Desde o goberno local explícase que esta medida responde á vontade de adaptar a xestión tributaria á realidade económica das familias, permitindo repartir o esforzo en dous momentos do ano e evitando unha carga única.

Fotografia Xan Xe

O Concello lembra que a suba da taxa do lixo non é unha decisión discrecional, senón que deriva da aplicación da Directiva europea 2018/851 e da Lei estatal de residuos e chans contaminados, que obrigan ás administracións locais a cubrir o custo real do servizo e a repercutilo na veciñanza. Estas normativas tamén introducen cambios no modelo de xestión de residuos, penalizando sistemas baseados na incineración e no vertedoiro, como é o caso do sistema empregado por SOGAMA, o que repercute directamente no custo final do servizo.

Desde o Concello de Fene sublíñase que, ante este novo escenario, optouse por aplicar medidas que permitan minimizar o impacto económico na veciñanza, ao tempo que se continúa traballando na mellora do sistema de recollida e na promoción de prácticas máis sostibles. O goberno municipal anima á veciñanza a facer uso destes prazos fraccionados e lembra a importancia de avanzar cara a un modelo de xestión de residuos máis eficiente e respectuoso co medio ambiente.

Desde o Concello de Fene faise tamén un chamamento á veciñanza a realizar un uso responsable e axeitado dos colectores e do punto limpo, xa que a correcta separación dos residuos e a redución de impropios contribúen a mellorar a eficiencia do sistema. Neste sentido, unha xestión máis sostible e responsable dos residuos permite reducir os custos do servizo a medio e longo prazo, o que pode repercutir positivamente na factura.

Imaxe da Casa do Concello de Fene

Fotografía Xan Xe

Institucional

Publica o teu comentario agora