Diversidade e cuestionamento da autoridade

Diversidade e cuestionamento da autoridade
26 de Febreiro, 2025 - 01:07 h. | Publicada por Radiofusión

A diversidade é unha das características máis importantes do Entroido galego. Outra é o cuestionamento da autoridade.  É a gran festa do ano que chega a todas as comarcas cunha grande participación. A Galicia urbana e a Galicia rural únense pola gastronomía, polo disfraz e pola música dun evento de benvida á primavera. Esta mañá Son Radiofusión promoveu un espazo arredor do Entroido no que participaron comparsas, estudosos e investigadores. 

ESCOITA O PODCAST:

Programa "O Entroido, máis que un sentimento". 26 de febreiro de 2025.

https://redefusion-eu.us.stackstaging.com/audio/260225ENTROIDO.mp3

Fotografia Xan Xe

O Entroido en Fene é unha tradición de moitos anos e participa moitísima xente. Sempre é un motivo para pasar uns dias agradábeis,segundo o alcalde de Fene Juventino Trigo. As comparsas métense cos alcaldes, coa Xunta de Galicia e co goberno central. Pero son bastantes construtivos. O disfraz deste ano da comparsa Os Parrandolos xurdiu na última comida celebrada no Entroido do ano pasado. Recorda unha revolución pasada. Foi unha proposta nova, segundo afirmou a representante da comparsa Os Parrandolos Maribel Mouriz.  
O Colexio Centieiras de Perlío en Fene organizou un obradoiro de disfraces para as familias. Intentase aproveitar materiais da casa, elaborar o propio disfraz. Este ano van caracterizados de profesións relacionadas coas artes. A letra da comparsa introduce a ironía, o humor e as reivindicacións de máis docentes e melloras materiais para a educación. Indicouno así Juanjo Teijeiro da comparsa Os artistas de Centieiras. 130 persoas participan este ano na comparsa de Centieiras. As familias afrontan o reto con moita ilusión. Vivirán o Entroido este venres pero tamén participarán no desfile do Concello de Fene o mércores de cinza.

Falamos esta mañá do Carnaval, como unha festa moi estruturada. Nada sucede porque si. Os animais eran importantes na economía de subsistencia do mundo rural. Por exemplo, o galo  é símbolo de potencia. Don Esmeraldino será un ano máis o emblema da comparsa A Santa Compaña de Fene. Os animais teñen un importante papel dentro deste festexo. Un só galo atende a moitas galiñas, segundo o investigador Carlos Ares: "Que cesen as tebras do inverno e que volva a luz do sol. Iso é o que pretende a festa do Entroido".
Orgullo Galego organiza as Cuartas Xornadas arredor do Entroido. A Borxa Gonzalez interésalle desde sempre a divulgación da festa. Introducen unha perspectiva teórica, antropolóxica e de investigación, nunha actividade que se desenvolve en liña. O Carnaval non é unha simple festa, é un evento cultural, segundo Borxa González. Os vestiarios varían dun lugar a outro pero a función da festa é a mesma:  vertebrar a comunidade. Pero tamén cuestiona as normas, a autoridade e o sexo. Os homes vístense de mulleres e as mulleres de homes,  segundo o investigador Antonio Reigosa. 

Dentro do Entroido, falamos desta festa en moitas comarcas de Galicia. Pero hai que referirse en particular ao triángulo máxico de Ourense, a Xinzo, Verín e Laza. Falamos con Noa Sobrino, que participa nunha investigación sobre a función da muller dentro do Entroido de Laza. Os preparativos do Carnaval en Laza están sesgados segundo o xénero. Hai poucas peliqueiras, pero as mulleres encárganse de confeccionar os vestidos. O interese polo tema veu despois de ser peliqueira, segundo Noa Sobrino.
O Museo Galego do Entroido en Xinzo de Limia é un contedor de tradicións, un espazo de mostra, unha salvagarda da cultura e do noso carácter. Pódese visitar ao longo de todo o ano. Inaugurouse en 2015.Explicaron esta mañá o que poderemos encontrar se visitamos ese Museo. A publicación do periódico O Sil, de Valdeorras realiza todos os anos unha revista especial do Entroido. Co formato actual, xa levan once anos. Para as xentes desa zona, o Carnaval é moito máis que unha festa. Hai un arraigo especial e ademais observan elementos comúns con outras zonas de Europa. Pero tamén hai diferencias entre lugares dos mesmos concellos. Entre o norte de Portugal e Galicia, hai similitudes, indica a redactora do Sil Maria Rodriguez 

 

 

Dezaseis comparsas no Entroido de Fene

Os Colludos, Os Argalleiros, As Xoaniñas de Chao, A Canteira do Puntal, ANPA Belén, Os Scratchados, A Revolta de Trasancos, Os Parrandolos, Troupele troupele, Artistas de Centieiras, Os Fenetásticos, Altri Non, OJE Ferrol, Santa Compaña, O Dragón Parrandolo e Paso a Paso. Son as 16 agrupacións que se inscribiron este ano para participar no desfile e posterior festival de comparsas que organiza a Concellería de Cultura de Fene para o mércores 5 de marzo, no marco da súa programación do Entroido 2025. As actividades concentraranse, coma todos os anos, en dúas xornadas. Na do Martes de Entroido haberá festa infantil con reparto de lambetadas e verbena nocturna coa orquestra Panamá Band. E o mércores, as protagonistas serán as comparsas. O vindeiro luns, 3 de marzo, antes das 15 horas, publicarase na web do Concello de Fene a orde do desfile de comparsas para ese día.

Comeza a conta atrás para o Entroido, unha das festas máis importantes de Galicia que no Concello de Fene se concentra nas xornadas do Martes de Entroido e Mércores de Cinza. O ciclo botará a andar o martes 4 de marzo cunha festa infantil na Praza do alcalde Ramón Souto a partir das 18 horas. Amais da animación, que correrá a cargo de La Guagua, a festa incluirá a tradicional merenda con reparto de lambetadas, coa axuda da AC O Tadetas, para todos os nenos e nenas que se acheguen disfrazados. Colaboran: Panadería Modesto Hermida, Panadería Ramón, Panadería O Forno do Alto, Panadería A Broa, Panadería Amaría, Panadería El Cruce, Pastelería Martínez, Supermercado Gadis, Supermercado Eroski Center, Distribuciones Froiz, Supermercados Lidl e Supermercado Mercadona. Esta primeira xornada concluirá coa actuación da Orquestra Panamá Band, protagonista da verbena nocturna que comezará ás 21 horas.

As actividades do Entroido de Fene continuarán o mércores 5 de febreiro coa concentración de comparsas ás 17.30 horas na rúa San Salvador (Pista Polideportiva do CCRD Perlío), para iniciar ás 18 horas o percorrido polas rúas San Salvador, Marqués de Figueroa, Cruce de Fene, Avda. Naturais e Avda. do Concello. Ao chegar á Praza do alcalde Ramón José Souto González, terá lugar a actuación das comparsas, a lectura do Testamento (este ano a cargo da escritora fenesa Paula Carballeira), a queima do Entroido e o espectáculo pirotécnico (desde o Parque Castelao).

RESTRICIÓNS DE TRÁFICO E APARCADOIRO. Por mor da celebración das actividades do Entroido, desde a xefatura da Policía Local informan da prohibición de estacionar e circular na Avda. do Concello, desde as 15.30 horas do martes día 4 de marzo até o remate das tarefas de limpeza o xoves 6 de marzo.

NO CASO DE CHOIVA. O martes 4 de marzo manteríanse as actividades baixo carpa na Praza do alcalde Ramón Souto. En canto ás actividades do mércores 5 de marzo, de ter que anularse o desfile de comparsas, publicaríase con tempo na páxina web www.fene.gal; pero manteríase a actuación das comparsas e a Lectura do Testamento, baixo carpa.

 

Imaxe do Entroido de Fene.. 2023

Fotografía Xan Xe

Cultura

Publica o teu comentario agora