ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Uns 1.800 quilómetros de distancia separan a Catedral de Santiago de Compostela da sede do Parlamento Europeo na cidade belga de Bruxelas. Son moitos máis dos que camiñan os peregrinos dende Roncesvalles, mais nunha xornada na que costa captar un grande interese da cidadanía arredor dos comicios supraestatais, se hai un lugar que semelle próximo ao corazón de Europa, ese é a capital galega.
A ruta xacobea pasa por ser una ferramenta primitiva da unifición continental e, séculos despois de que os restos do Apóstolo Santiago atopasen refuxio baixo a pedra galega, o centro de peregrinación do finisterre segue a funcionar como unha Babel na que conflúen xentes chegadas de todos os confíns. Participan nestas eleccións ao Parlamento Europeo 27 estados da UE que falan en 23 linguas diferentes. Algunhas delas escóitanse na contorna do Colexio La Salle, situado a carón da Porta do Camiño, lugar de paso obrigado para os peregrinos que de toda Europa veñen a Santiago. As voces proceden do exterior porque no interior da escola, convertida en sede electoral para a ocasión, as urnas agardan silentes a que os veciños falen co seu voto.
O balbordo de cada día en Santiago dende que a primavera anima á peregrinación e ateiga as rúas de devotos e curiosos contrasta coa tranquilidade dominical que se conserva en La Salle. A estas horas ás que a campá Berenguela e as súas socias resoan para chamar á oración nos múltiples templos da cidade, os candidatos a eurodeputado desexarían que, de igual maneira convocasen aos electores para que cumprisen co seu dereito ao voto. Mais, tal e como di o refrán, non se pode estar en misa e repicando e os veciños do barrio de San Roque, no que se refuxian o Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Arte Contemporánea, non demostran présa en encher as urnas electorais.
Hai 124 estranxeiros residentes en Compostela con dereito a voto, que forman parte dun censo de algo máis de 80.000 votantes. Entre eses residentes e turistas do continente, Santiago pode pasar por ser unha das urbes que máis cidadáns con dereito a voto concentra nesta xornada, pero aquí, ás portas do Colexio La Salle, coas torres da Catedral á vista e as urnas case baleiras varias horas despois da apertura da votación, novamente semella que Bruxelas e as súas políticas están a miles de quilómetros de distancia do interese dos composteláns.