Do Piornedo a Nova York

Do Piornedo a Nova York

14 de Agosto, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Soñábamos cun mundo mellor. Decidimos facelo realidade. A construción dunha comuna en 1976 protagoniza a película de Ignacio Vilar Vilamor. A longametraxe promocionase esta semana en Nova York pero tamén se proxecta esta noite no Piornedo, a aldea máis emblemática da serra dos Ancares.

 O equipo da película galega 'Vilamor' promociona a longametraxe no corazón dos Estados Unidos. Participou na gala inaugural do New York City International Filme Festival, celebrado o pasado xoves no Angelika Filme Center na capital neoiorquina.

O director, Ignacio Vilar, e os actores Rubén Riós, Sabela Arán, Xoel Yáñez e Mayka Braña, participaron, xunto á compositora Zeltia Montes, na gala que forma parte dos actos programados para a promoción da película. Tras a gala de presentación do festival, a longametraxe proxectouse no NYCIFF Filme Market, no marco do Tribeca Cinema 2 o pasado sábado. O equipo tamén participará nunha festa de presentación no Centro Español de Nova York.

O filme, ambientado na década do setenta e rodada na Fonsagrada (Lugo), está baseado en feitos reais e narra a historia de Breixo, un mozo altruísta que se atopa cos habitantes dunha comuna aparecida nas inmediacións da súa localidade e aos que axuda a recuperar a aldea perdida de Vilamor.

 

Proxeccións previstas en Galicia esta semana

Martes 14. 22,30. Praza O Quintairo. Piornedo. Cervantes.
Mércores 15. 21,30. Praza maior. San Cristovo de Cea
Mércores 15. 22,30. Curro da praza. Muros
Xoves 16. 21,45. Campo da festa da Rilleira. Barreiros
Xoves 16. 22,00. Praza da Urb.Braña. Teo
Venres 17. 22,00. Praza do Museo. A Fonsagrada.
Venres 17. 22,30. Riós (Ourense)
Domingo 19. 21,45. Casa do Concello. Castroverde.
Domingo 19. 22,30h. Alameda. Ortigueira.

Cultura