Dous cargos de Sogama imputados nun presunto delicto de tráfico de influenzas

Dous cargos de Sogama imputados nun presunto delicto de tráfico de influenzas

01 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Cerceda

A Xunta non gana para sustos. Primeiro foi o IGAPE e agora, Sogama, a empresa pública de xestión de residuos. Dous xefes de servizo da compañía veñen de ser afastados dos procesos de adxudicación logo de que o xulgado de Instrución número 1 da Coruña os imputase por un suposto delito de tráfico de influencias. Os cargos investigados son o xefe de transferencia e transporte de Sogama, Ángel Javier Costal

A instrución xudicial prodúcese logo de que unhas escoitas telefónicas permitisen tirar do fío descuberto no ano 2008, cando os tribunais investigaban un presunto delito contra o medio ambiente producido no río Lengüelle, no concello coruñés de Cerceda, onde morreran máis dun milleiro de Troitas. A súa situación, a carón do vertedoiro de Areosa, no que Sogama deposita os refugallos, puxo o foco sobre a compañía. Daquela, a fiscalía de Medio Ambiente advertiu condutas supostamente irregulares por parte dos empregados da sociedade, o que motivou a apertura desta nova causa que agora se concreta. Nos máis de dous anos transcorridos dende os primeiros indicios un dos investigados deixou de traballar para Sogama. Ramón Pérez foi despedido en xaneiro de 2009 tras denunciar "irregularidades" na xestión da empresa.

Arestora prodúcese a imputación dos tres cargos por se fixeron un uso espurio das súas atribucións a cambio de favores na adxudicación de tres contratos. Segundo a transcrición das conversas telefónicas gravadas, o xefe de Danigal, José Luís Cabanelas, redactou el mesmo as condicións dun concurso para un servizo de tratamento de lixo ao que a súa compañía optaba no Concello das Pontes, rexido polo socialista Valentín Formoso. Cabanelas tamén tería intercedido para dar traballo a dúas persoas a petición do alcalde de Cerceda, José García Liñares, tamén do PSOE. As súas actuacións tamén implicarían á Deputación de Ourense, en mans do Partido Popular. Danigal supostamente engordaba en máis dun terzo do volume real as facturas polo servizo de recollida de cartóns pagado pola institución provincial.

Á luz de todas estas revelacións, a Consellaría de Medio Ambiente reaccionou confirmando que os imputados de Sogama fican apartados dos procesos de adxudicación mentres pesa sobre eles a sospeita por tráfico de influencias. Confirmouno o titular do departamento, Agustín Hernández, precisando, ao igual que fixera o presidente Feijóo no caso do Igape, que os investigados "non son altos cargos", até o punto que un deles é "representante dos traballadores". Ademais, asegurou que a súa participación en procesos de contratación foi "moi puntual". Hernández, que reclamou respecto para a "presunción de inocencia", retíralles as atribucións para manter limpo o nome da sociedade participada pola Xunta.

Sociedade