Dous centros da comarca no PISA 2009

Dous centros da comarca no PISA 2009

23 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O colexio Jorge Juan de Fene e o IES Terra de Trasancos, de Narón, resultaron seleccionados entre 54 centros de ensino de Galicia para participar nas probas do informe PISA 2009, centrado na comprensión lectora.

O mencionado programa é un estudo comparativo, internacional e periódico que avalía o rendemento do alumnado de 15 anos ao finalizar a etapa escolar obrigatoria, avaliando competencias consideradas clave, como a lectora, a matemática e a científica.

Unha das novidades do certame é que este ano a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) medirá a capacidade lectora do alumnado en formatos electrónicos. No caso dos centros da comarca, o colexio fenés Jorge Juan participará “vía papel”, mentres que o instituto naronés Terra de Trasancos o fará “vía internet”.

O estudo realízase cada tres anos, analizando en cada aplicación os rendementos do alumnado nas competencias básicas de lectura, matemáticas e ciencias, recibindo unha delas, de forma rotatoria, unha consideración principal. O informe proporcionará datos e indicadores comparativos dos distintos sistemas educativos dos países participantes, que este ano son un total de 65 e dos que 30 son membros da OCDE e 35 de países asociados.
 
O programa PISA conta para o tratamento técnico cun consorcio internacional de institucións de investigación educativa e a participación de España, na súa mostra estatal e ampliada por varias comunidades autónomas, está coordinada polo Instituto de Avaliación, órgano integrado dentro do Ministerio de Educación.

Sociedade