Dous certames para o Día Internacional Contra a Violencia cara as Mulleres

Dous certames para o Día Internacional Contra a Violencia cara as Mulleres

14 de Novembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

A Concellería de Servizos Socias, Igualdade e Muller convoca o I Concurso de Lemas e o V Concurso de Microrrelatos co gallo da celebración o 25 de novembro do día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.

Segundo comentou o a concelleira de Servizos Sociais burelesa, Diana Durán o obxectivo do I Concurso de Lemas “é transmitir a través de mensaxes curtas a importancia da educación en igualdade e da necesidade da eliminación da violencia contra as mulleres”. Poderán participar todas as persoas empadroadas no concello de Burela. Cada unha poderá enviar un máximo de 5 lemas vía correo electrónico a cim@burela.org, indicando que se trata do I Concurso de Lemas. O lema debe estar composto por un máximo de sete palabras e debe ser suficientemente significativo e estar relacionado co tema proposto. Ten que incluir o seu nome completo, o seu número de teléfono e unha dirección de correo electrónico á que se poida responder.  Desde a Concellería de Igualdade e Muller sinalan que “entre todos os recibidos escolleráse un, que será o que distinga a celebración do día internacional contra a violencia de xénero do ano 2012”. O prazo de entrega rematará o vindeiro 18 de novembro. O lema gañador daráse a coñecer no acto público que terá lugar o 25 de novembro.

Por outra banda, no V Concurso de Microrrelatos tamén poderán participar todas as persoas empadroadas no concello de Burela. Establécense dúas categorías: menores de 18 anos e maiores desta idade. Os traballos presentaránse en galego con un formato folio A4, cunha extensión máxima de medio folio, preferiblemente en tipo de letra Times NewRoman de tamaño 12. Os microrrelatos, asinados cun pseudónimo, deberán entregarse antes do 18 de novembro no Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello de Burela. Deberán ir nun sobre ao que se adxuntará outro pechado no que figurarán os datos da persoa autora do microrrelato. Haberá un premio por categoría dotado con 150 euros que se dará a coñecer tamén nun acto que se celebrará no Día Internacional contra a Violencia cara ás Mulleres, 25 de novembro.

Sociedade