Dous feridos moi graves no accidente da refinería de Repsol na Coruña

Dous feridos moi graves no accidente da refinería de Repsol na Coruña

15 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Dúas persoas resultaron feridas graves nunha explosión na refinería da Coruña. O accidente produciuse nunha das cámaras da planta de coque por causas descoñecidas ás 10.35 horas, segundo informa a planta de Repsol nunha nota. Os feridos foron evacuados ao Hospital da Coruña. O estoupido escoitouse en toda a zona de Meicende, no concello de Arteixo.

O accidente non supuxo deflagración ou incendio, non afecta ao resto das instalacións da refinería nin á contorna, segundo afirman desde a propia planta. Repsol abriu unha investigación para aclarar as causas do suceso e comunicou o feito ás forzas de seguridade, as autoridades locais e ás asociacións de veciños.

 

Segundo o parte médico facilitado polo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña ás dúas da tarde, os dous feridos atópanse ingresados na unidade de queimados do complexo. O que reviste máis gravidade, J.C.S.N., de 37 anos e natural de Arteixo, sofre queimaduras no 95% do corpo, e o seu estado é extremadamente grave. O outro ferido, J.L.S.S., de 33 anos e de Coristanco,, ten queimaduras de terceiro grao no 70% do corpo e atópase en estado moi grave. Os dous eran empregados dunha compañia subcontratada por Repsol para labores de mantenemento da planta.

Sociedade