Duen de Bux, a libraría especializada de Ourense

Duen de Bux, a libraría especializada de Ourense

30 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

A editorial ourensana Duen de Bux vén de abrir a súa propia libraría no número 5 da Praza Maior da cidade das Burgas. O novo local co mesmo nome do selo editorial só ofertará literatura de Duen de Bux. Non será unha libraría xeneralista coas novidades do momento. Especializarase no fondo de Ourense, con libros de arte, historia e na recuperación de textos antigos, como libros “insubstituibles” da catedral da cidade.

A nova libraría afástase do perfil das librarías tradicinonais. Nos andeis da entrada do local ademais de todos os libros referidos a Ourense, incluirase literatura que ten a cidade das Burgas como escenario literario. Este será o único fondo literario agás os da propia editorial. O resto de andeis adicarase a un amplo abano de temas relacionados coas humanidades e a arte. Segundo unha das responsables de Duen de Bux, Rita Garrido, especializaranse na historia, historia da arte, historia do libro, bibliografía, documentación, tipografía, deseño, cartografía, simboloxía ou guías turísticas. A partir dagora os ourensanos terán, ademais das libraría ao uso, un establecemento con este tipo de libros.

O perfil dos seus usuarios é dun cliente especializado, organismos públicos ou historiadores. A venda virtual comezará en dous meses cando se complete o catálogo para a páxina web.

Sociedade