E a xente di, “É o mellor festival do mundo mundial”

E a xente di, “É o mellor festival do mundo mundial”
28 de Xuño, 2024 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Deste xeito nos presentaban Almudena Vega e David Dopico, da Asociación Veciñal O Castelo de Narahío, a programación do Festival de Río Castro que terá lugar, este ano, o vindeiro 6 de xullo.

ESCOITA O PODCAST:

En 1994 a música converteuse nunha ferramenta de defensa ecolóxica e do patrimonio natural para poñer en valor a necesidade da conservación do Río Castro. Aquela proposta que a Asociación Veciñal o Castelo da parroquia de Narahío, no coruñés concello de San Sadurniño, plantexou para transmitir a súa preocupación por este espazo natural, tense consolidado ata converterse nun festival que conta xa con 29 edicións.

Seguramente o modelo de festival que escolleron é un dos segredos do seu éxito xa que naceu cun formato que triunfa, unha combinación de romaría, con merendas e proposta de actividades para toda a familia; grandes e pequenos compartindo espazo, actividades e música tradicional. Música que, ademais, veu marcada dende os seus inicios pola calidade dos grupos que pasaron polo escenario de Narahío.  

O festival, que se celebra o sábado 6 de xullo principiará cunha Sesión vermú que contará con Vai rañala meu!. E xa pola tarde despois dos xogos e deportes tradicionais que adoitan organizar para todas as idades, comezarán as actuacións, que se inician coa compañía Teatro de Ghazafelhos e, de seguido a música, Tres Pesos que achegará a Felisa Segade a Narahío, estarán tamén Encrucillada, Os Viqueiras e Requinta da Laxeira. Máis non se pode pedir

Narahío encherase, este sábado 6 de xullo, de música, merendas e actividades para todas as idades, para gozar do que, para moitas e moitos, é o “mellor festival do mundo mundial”. 

Cultura

Publica o teu comentario agora